Presentación do Concerto de Aninovo 2024 | © Concello de Pontevedra

Amancio Prada musicará os ‘Seis poemas galegos’ de Lorca no Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, que contará tamén coa Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e a Agrupación Folclórica Tequexetéldere de A Estrada

7 Decembro 2023

  • O evento terá lugar como vén sendo habitual, o 1 de xaneiro ás 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará con David Fiuza como director
  • As entradas, a prezos comprendidos entre os 10 euros e os 15 euros (+ gastos) están xa á venda en Ataquilla.com e, de non esgotarse, unha hora antes na billeteira do Pazo da Cultura

O concelleiro Demetrio Gómez presentou este luns “unha das sorpresas que quedaba por avanzar en torno á programación. O concerto de Aninovo, que hoxe presentamos cun cartaz espectacular, para enmarcar, traballo de Ovo. Un ano máis da man da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, as agrupacións colabororadoras desta edición, que son a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e Tequexetéldere e un colaborador moi especial, que non é galego pero que case entendemos como tal , e vai ser unha sorpresa este Nadal”.

Asisitiron á rolda o presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, Carlos Valle, Kike Vázquez de Tequexetéldere e, en representación da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, organizadora do concerto, a súa presidenta Judith Rey que tomou a palabra a continuación do concelleiro para desvelar a colaboración sorpresa e debullar o programa:

“A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, protagonizará o vindeiro 1 de xaneiro de 2024, no Pazo da Cultura de Pontevedra ás 19:30 horas o seu tradicional concerto de Aninovo, baixo a batuta do mestre David Fiuza. Nesta ocasión o concerto estará estructurado en dúas partes: Unha primeira parte na que estaremos acompañados polo magnífico cantautor berciano, Amancio Prada, distinguido por universalizar a música, a letra e a cultura galega. Amancio, traballou sempre no ámbito musical e literario, poñendo son aos poemas dos magníficos autores galegos, como Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, obras da lírica popular galega e da lírica trobadoresca galaico – portuguesa. Nesta ocasión faremos unha versión sinfónica a modo de suite dos 6 poemas galegos de Federico García Lorca, (que foron escritos entre 1932-1934), que son unha adaptación orquestral feita polo propio David Fiuza, coincidindo plenamente con nós en que a arte non é engadir música a un poema, senón extraer a música silenciada do poema, como dixo tamén nalgunha ocasión María Zambrano”.

A segunda parte do programa centrarase en composicións de Johan Strauss II.



Judith quixo trasladar a ledicia do cantautor, que hoxe non puido estar presente na rolda e salientou que “Amancio está encantadísimo de poder vir a Pontevedra e revivir os seus recordos de neno nas súas viaxes familiares, e define esta parte do concerto como o relato que na súa mente sempre soñou sobre os Seis poemas galegos de Lorca”.

“Teremos algunha sorpresiña máis, pero haberá que vir ao concerto para poder descubrila, pero si podo dicir, que estaremos acompañados tamén pola Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e as Pandereiteiras do grupo folclórico estradense Tequexetéldere. Sabedes que a min sempre me gusta incluír nos concertos a nosa música tradicional galega pero por suposto faremos esa viaxe de Galicia a Viena, na que soarán valses e polcas do tradicional concerto de aninovo.

Apuntade ben a canle da compra de entradas, que están á venda en Ataquilla.com a partir de 10 euros + gastos e non vos demoredes moito porque como tódolos anos voan.”

Pola súa banda, Carlos Valle, presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra quixo agradecer a o convite cursado apra participar “nun acto que ten unha especial significación, desde o punto de vista cultural pero tamén en clave simbólica porque as poesías de Lorca, a lingua utilizada e o feito de que paseniñamente, cada vez se fan máis nosas, cada vez son máis coñecidas e teñen unha maior proxección. Non podo deixar de lembrar para rematar un dato que para a Sociedade Coral Polifónica ten unha significación moi especial, xa que o vindeiro día 1 de xaneiro estaremos na véspera da conmemoración do centenario da fundación da Sociedade Coral Polifónica, feito que se produciu no ano 25. Agradecemos ás entidades que están deste proxecto que se contase con nós.”

Está pasando!