© Imaxe do cartel do filme ‘Ocaña, retrato intermitente’, de Ventura Pons

AMBIENTA consolídase como a mostra de cinema LGBTIQA+ referente en Galicia coa incorporación de Premios Feroz e Amal en Ruta como colaboradores

18 Xuño 2025

  • O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a programación que terá lugar entre o 23 e o 27 de xuño con proxeccións diarias ás 20.30 h.
  • O xoves 26 ás 21.15 h. o público poderá participar dun encontro co creador audiovisual Javier Ferreiro, director da serie ‘Mariliendre’ e guionista de ‘Vestidas de Azul’

Un ano máis na semana do 23 ao 27 de xuño, no Teatro Principal, terá lugar unha nova edición de AMBIENTA, a Mostra Internacional de cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, que este ano incorpora dúas novas entidades colaboradoras, o ciclo Amal en Ruta e os Premios Feroz, amais das colaboracións habituais de FIC Bueu, Cineclube Pontevedra e Avante LGBT+ de Pontevedra. As proxeccións serán sempre ás 20.30 horas.

O acto de presentación de AMBIENTA contará coa proxección de ‘Delirio Sketchs’, unha web serie galega de humor surrealista. Haberá un espectáculo inicial en directo cos personaxes da serie: Mercedes Pezón (polo artista drag Javier Sánchez ‘Meiga-i’), High Paw, artista musical, Tamy (Laura Merchán, artista visual e xestora cultural), Psicóloga Susana (Cata Ukelele, cómica e guionista) e posterior coloquio coa directora e guionista, Bea Saiáns.

Delirio Sketchs, un proxecto audiovisual dirixido por Bea Saiáns é producida por CRU & Cimbalino Filmes e está dentro do espazo AMBIENTa_gal, nun claro compromiso por dar a coñecer as producións audiovisuais galegas, os proxectos queer do país que apostan por amosar as distintas realidades da comunidade LGBTIQA+. Este ano, unha vez máis, a creación galega abre a programación desta semana de cinema diverso en Pontevedra, e colabora coa escolla Avante LGBT+ Pontevedra.

A serie para redes sociais ‘Delirio Sketchs’, confórmana tres capítulos independentes, cargados de humor, nos que se abordan desde o surrealismo, os grandes temas que preocupan á xuventude. (O clima, a identidade, o ínfimos que somos no universo…). Con coreografías, cancións, reportaxes e cameos estelares da cultura cuir underground galega, os múltiples sketchs misturan linguaxes (TV, artes performativas e cinema) e funcionan coma espellos dun calidoscopio que apunta á realidade. Esta iniciativa levou o premio a mellor proxecto 2024 – Festival Carballo Interplay.

O segundo día da mostra terá lugar a proxección do filme ‘Ocaña retrat intermitent’, dirixido por Ventura Pons en 1978. Un filme icónico dentro da historia do cine LGBTIQA+ español, que formou parte da sección Panorama no Festival de Berlín en 1978 e na Sección oficial no Festival de Cannes (1978).

O filme documental afonda na vida e figura do pintor e travesti andaluz José Pérez Ocaña e amosa o seu modo de vida alternativo así como os seus peculiares puntos de vista sobre a relixión, os fetiches, nun retrato da Barcelona dos inicios da transición, onde viviu. Reflicte unha Barcelona homosexual e “travesti” nun momento no que a Lei de Perigosidade social estaba aínda vixente para reprimir e condenar a toda disidencia sexual.

O filme atópase dentro do espazo AMBIENTa_clásica, un espazo que recupera títulos importantes que nos axudan a descubrir a presenza do colectivo LGBTIQA+ na historia do cinema e como foi a representación do mesmo ao longo do tempo a través da sétima arte en distintas partes do mundo. Unha orma de contribuír á memoria queer a través do relato fílmico. As películas desta sección son seleccionadas por Cineclube Pontevedra.

A terceira proxección incorpora unha nova colaboración de Ambienta, a de Amal en Ruta, un proxecto da Fundación Araguaney-Puente de Culturas para dar visibilidade ao cinema árabe. O filme escollido será o marroquí ‘Le Bleu du caftan’ (‘O caftan azul’), dirixido por Maryam Touzani, candidato no 75 Festival de Cannes a mellor filme ‘Un certain regard’ e gañadora na categoría mellor actriz (Lubna Azabal) na 67 edición da Seminci. Foi, así mesmo, candidata por Marrocos aos Premios Oscar.

O filme forma parte da sección AMBIENTa_actual, destinado a amosar os filmes máis importantes do panorama internacional, que foron aclamados polo público e a crítica, nunha selección de creacións audiovisuais contemporáneas que reflicten a realidade LGBTIQA+ en distintas partes do mundo e distintos contextos sociais, políticos e culturais.

No xoves terá lugar a escolla dos Premios Feroz, en sinerxia coa celebración dos prestixiosos premios na nosa cidade. Así, foi escollida para representar a produción queer española a serie Mariliendre, unha recentísima produción dirixida por Javier Ferreiro, e producida pola produtora Suma Content dos “Javis”, Javier Calvo e Javier Ambrossi. Unha serie musical protagonizada por Blanca Martínez, Martin Urrutia, Omar Ayuso, e contaremos coa presenza do creador da serie, Javier Ferreiro, para presentación e coloquio con Mariona Borrull Zapata.

A proxección de ‘Mariliendre’ enmárcase dentro do espazo AMBIENTa_series, un espazo senlleiro que destaca as series audiovisuais coma os máis exitosos medios de expresión do mundo audiovisual na actualidade e, sen dúbida, dos preferidos do público. O mundo das series está a ser un auténtico recanto de liberdade para a realidade queer, por iso teñen un lugar moi especial na programación de Ambienta.

A clausura de Ambienta, como é habitual, péchase cunha sesión de curtametraxes en colaboración co festival FIC Bueu, coa proxección de Big boys dont´t cry (Arnaud Delmarie, Francia 2025), Solo KIM (Javier Prieto de Paula, Diego Herrero, España 2024) e Three (Amie Song, Estados Unidos 2023), Unha escolla que reflicte as distintas realidades queer en diversas partes do mundo, un crisol de puntos de vista que dá conta da diversidade dentro do propio colectivo.

Sobre o festival

AMBIENTA nace con vontade de amosar a mellor produción audiovisual, tanto no ámbito galego como a nivel internacional, da realidade LGBTIQA+. Unha mostra xa consolidada como referente queer en Galicia que busca reivindicar un cinema de calidade que tamén recolla as vidas, os seres e os sentires de todas, todos e todes. Xorde para poñer as gafas do arco da vella e seguir construíndo unha sociedade onde a diversidade sexa un dos valores fundamentais e un lugar de encontro, cultura e socialización arredor do cinema.

O cinema foi, e segue a ser, un ámbito de expresión artística mais tamén un lugar para narrar e representar o mundo. O colectivo LGBTIQA+ sempre atopou na sétima arte un espazo de complicidade e liberdade para crear referentes, amosar que outros mundos, diversos e disidentes, tamén son posibles.

Está pasando!