Presentación de ‘Aquí Cántase’ | Concello de Pontevedra

‘Aquí Cántase’, o canto colectivo transformado en tradición que dá inicio ás Festas da Peregrina

5 Agosto 2025

Ás portas de celebrar o seu décimo aniversario, ‘Aquí Cántase’ celebrarase o vindeiro venres, 8 de agosto, como unha festa masiva coa música galega a pé de rúa como protagonista


O concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, lembrou este martes que a conta atrás para o comezo das Festas da Peregrina continúa avanzando. Así, apenas faltan uns días para que a novena edición de ‘Aquí Cántase’ sirva como pistoletazo de saída para esa semana de troula, alegría e ocio na cidade.

‘Aquí Cántase’ trátase dun evento realmente especial e único, transformada nunha cita tradicional dentro do calendario festivo, un canto colectivo e masivo de cancións tradicionais que se celebrará o venres, 8 de agosto, ás 21.00 horas, da man da asociación cultural Maravallada.

Gómez destacou que o ‘Aquí Cántase’ «é un privilexio para pontevedreses e visitantes, xa que representa un percorrido tanto físico e topográfico polas rúas e prazas de Pontevedra como un percorrido sentimental a través de cancións que definen e caracterizan ao país». As prazas que acollerán este canto colectivo serán, por orde, Curros Enríquez, o Teucro, o Teatro Principal e Santa María. «Trátase dun intre para gozar xuntos e para ver como os visitantes se integran e fan un esforzo por cantar en galego».

Manuel Espiño, da asociación Maravallada, lembrou que a intención ao crear este evento en 2017 era a de promover un canto colectivo. Inspirados pola grande aceptación dos ‘Cantos de Taberna’ na cidade, decidiron crear un evento máis amplo que puidese acoller a moita máis xente, tanto de Pontevedra como de fóra. O resultado foi un éxito.

Coma sempre, para facilitar a participación, repartiranse as letras das cantigas nas prazas, o que garante que todas as persoas presentes poidan seguir o fío dos directores e cantar sen dificultade. En total, o repertorio estará composto por 20 cantigas, interpretándose cinco por praza. Este 2025 haberá un total de cinco incorporacións melódicas novas.

Ademais, a Treboada do Baixo Miño acompañará aos participantes de praza en praza, achegando alegría e atraendo a atención de todos os paseantes.

Nesta ocasión, a dirección do evento corre a cargo de Roi Xesteira, irmán de Anxo Xesteira, quen non poderá exercer no seu posto habitual. A función do director é guiar os ensaios nos centros culturais e dirixir o canto o día do evento, mantendo a continuidade.

Está pasando!