‘Luchadoras’, de Carla Novi | 16 Miteu de Pontevedra

As aulas teatrais da UVigo combínanse coa presenza internacional na XVI Miteu de Pontevedra 

2 Maio 2025

  • A programación ábrese a vindeira semana con dúas propostas chegadas de Portugal e México
  • Unha excelente oportunidade para que os amantes do teatro gocen duns espectáculos inéditos, cheos de emoción e autenticidade cultural

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México.

Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase dunha mostra con entrada gratuíta, que arrancará o vindeiro luns 5 cun espectáculo chegado desde a Universidade do Minho, para acoller dous días despois unha obra da artista mexicana Carla Novi.

O venres 9 poderá verse unha montaxe das aulas de teatro de Ourense, mentres que o 14 de maio chegará o momento de coñecer a primeira obra do recentemente constituído grupo de teatro do campus pontevedrés, pechando a programación, o venres 16, a aula do campus de Vigo.

Como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, na organización desta XVI Miteu buscouse dotar “dun carácter internacional á mostra”, á vez que servir como espazo para dar a coñecer o traballo das diferentes aulas e grupos da UVigo.

Con cinco espectáculos programados para as 20.30 horas, esta mostra insírese nas iniciativas impulsadas ao abeiro do convenio para o fomento de actividades culturais e creativas que Universidade e Concello de Pontevedra asinaban o pasado ano.

Ademais, co obxectivo de servir como un espazo no que proxectar a programación cultural de carácter permanente que a UVigo desenvolve en Pontevedra, a Miteu contará coa participación do Coro Polifónico do Campus, que ofrecerá un pequeno concerto antes dun destes espectáculos.



Cinco citas co teatro nas dúas próximas semanas

A programación arrancará o luns 5 con ‘Quem é ela?’, un espectáculo do grupo Ladrem, da Universidade do Minho. Con dramaturxia de Pedro Galiza, trátase dunha obra dirixida por Ana Marques, que é tamén unha das seis actrices e actores que recrean “a historia dunha Ela, que non ten nome, non ten corpo, pero que está presente nestas seis voces, nestes seis corpos”, segundo recolle o texto de presentación deste espectáculo.

Dous días despois, o mércores 7 poderá verse ‘Luchadoras’, de Carla Novi. Escrita e dirixida por esta artista mexicana, trátase dun “drama social sobre a situación das mulleres na sociedade mexicana e a violencia á que se enfrontan no seu día a día”, que presenta a historia dunha loitadora, que “durante anos non puido avanzar na súa profesión ao non cumprir coas regras sexualizadas da loita feminina”.

O venres 9 chegará a quenda de ‘Ludovico 2.5’, do grupo Maricastaña, do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta, trátase dunha obra inspirada libremente na novela ‘A laranxa mecánica’ de Anthony Burguess, que se presenta como “unha sátira social e unha proposta ao redor da violencia”.

Xa á semana seguinte, o mércores 14 poderá verse ‘Saxo tenor’, a montaxe que o grupo de teatro do campus de Pontevedra realizou dunha obra que Roberto Vidal Bolaño estreara coa súa compañía na década de 1990. Baixo a dirección de Jesús Salvador del Río e Omar Ferrín, un elenco integrado por 14 persoas levará o escenario unha obra ten como punto de partida a morte violenta dun mozo, da que dous anos despois búscase coñecer a verdade.

Por último, o venres 16, a Miteu botará o pano desta edición coa montaxe que a aula do campus de Vigo realizou de ‘Divinas palabras’, de Ramón María del Valle-Inclán. Baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, unha ducia de actrices e actores dan vida a este “drama protagonizado por seres marxinais”, como recolle o seu texto de presentación.

Está pasando!