Xardíns de Casto Sampredo | Zoom Pontevedra

As persoas convidadas á gala dos Premios Feroz poderán participar en visitas guiadas polos lugares máis emblemáticos da capital das Rías Baixas

19 Xaneiro 2026

O servizo de Turismo do Concello coordina un percorrido o vindeiro 24 de xaneiro para dar a coñecer o patrimonio local antes da gran gala que se celebrará no Recinto Feiral


A cidade de Pontevedra converterase no epicentro do cinema o vindeiro 24 de xaneiro coa celebración da gala dos Premios Feroz 2026 no Recinto Feiral. Como parte da estratexia para que o evento teña unha repercusión directa na cidade, as persoas convidadas á cerimonia poderán participar na mañá do sábado 23 nunha serie de visitas guiadas deseñadas para descubrir a historia e os espazos máis emblemáticos da capital.

Estas visitas, que comezarán ás 12:00 horas dende a Praza da Peregrina, contarán con guías profesionais contratadas polo Concello e estarán coordinadas polo servizo de Turismo de Pontevedra.

O itinerario previsto percorrerá puntos claves do patrimonio pontevedrés como a Ferrería, as prazas da Leña e a Verdura, Méndez Núñez, o Teucro, a Casa das Campás, a avenida de Santa María ou a súa Basílica.

Máis alá da xornada da gala, a cidade xa está a vibrar coa sétima arte grazas a unha programación previa que inclúe proxeccións das obras finalistas e coloquios con persoas nomeadas aos premios. Esta iniciativa busca achegar o talento audiovisual á veciñanza e fomentar o diálogo entre os e as profesionais do sector e o público local.

A organización dos Feroz, en estreita colaboración co Concello de Pontevedra, que conta co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra, logrou unha integración sen precedentes do tecido local no evento. Na produción da gala participan arredor de 20 empresas galegas, xerando uns 350 empregos indirectos.

Entre as colaboracións destacadas atópanse firmas como Paco & Lola, que fornecerá o viño oficial; Krack, encargada dunha acción especial de calzado; e El Nogal, que deseñou un produto gourmet específico para a ocasión. Así mesmo, o sector servizos ten un papel fundamental, coa Asociación Provincial de Salóns de Peiteado e Beleza de Pontevedra asumindo en exclusiva os servizos de imaxe das persoas que pasarán pola alfombra vermella.

A gala tamén conta coa participación activa de entidades educativas como a Universidade de Vigo, con máis de 80 estudantes colaborando en tarefas de comunicación, o IES Carlos Oroza, a Aula Municipal de Teatro ou o coro do IES A Xunqueira 1, que intervirá durante a cerimonia. Con este despregue, Pontevedra reivindícase un ano máis como a “capital do cinema”, unindo o encanto dos premios coa posta en valor do seu patrimonio e o seu talento local.

Está pasando!