Cabos Soltos reabre a súa preinscrición para locais co obxectivo de ofrecer un paraugas á programación de ocio e cultura local de Pontevedra

6 Agosto 2025

O programa municipal permite a promoción de actuacións en directo de bandas de pequeno formato, mostras e exposicións de artistas plásticos, recitais poéticos ou espectáculos de monologuistas en establecementos de todo tipo


Cabos Soltos seguirá ampliando a listaxe de establecementos adheridos a unha acción promovida desde o Concello de Pontevedra que procura a promoción da cultura emerxente da cidade e o fortalecemento do tecido económico local.

Tal é como xa foi explicado en pasadas ocasións, Cabos Soltos actúa como un paraugas á hora de poder realizar actividades culturais e de ocio nos diferentes espazos e establecementos da cidade, un xeito clave á hora de promover as relacións locais e de crear emprego.

A cultura de base, sexa na forma que sexa —pintura, humor, lírica, música…—, require escenarios, por iso, a día de hoxe e grazas a Cabos Soltos, Pontevedra conta con máis de corenta establecementos que poden programar de xeito activo.

Deste xeito, o programa municipal volve permitir a preinscrición a todo esteblecemento que o solicite e cumpra as condicións e coa documentación solicitada —como estar en posesión do título habilitante e non estar inmersos en ningún expediente de disciplina urbanística—.

Cómpre lembrar que todos os artistas da cidade tamén teñen o seu espazo en Cabos Soltos, podendo figurar na base de datos habilitada para promocionar o seu talento.

No caso dos locais, é posíbel acceder ao formulario de inscrición desde esta ligazón ou desde a páxina oficial do programa Cabos Soltos.

O Concello de Pontevedra quere animar a todos os locais hostaleiros a participar neste programa e que colaboren á hora de crear e manter un tecido cultural vivo e dinámico en todo o municipio

Está pasando!