
Case unha trintena de nacionalidades estarán representadas na selección da 18ª edición do FICBUEU
3 Setembro 2025
O 18º Festival Internacional de Cinema de Bueu celebrarase do 5 ao 20 de setembro de 2025 na localidade de Bueu, e terá como obxectivo a proxección e promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional.
14 estreas galegas e 5 españolas na Sección oficial, achegaranlle ao público as últimas pezas de cineastas provintes de países como Suecia, Líbano, Arxentina, Alemaña, Brasil, Grecia ou Colombia, nunha edición na que prima o cine iberoamericano e aumentan a presenza xéneros como a animación, o documental e a comedia.

A Sección oficial da 18ª edición do FICBUEU presenta unha heteroxénea escolma de 28 filmes con marcado carácter autoral.
O conxunto de miradas que integran esta selección reflicten moitas das problemáticas máis latentes na sociedade actual, presentando unha panorámica diversa tanto no xeográfico como nos protagonistas de cada unha delas. Trátase dunha selección dos filmes máis destacados do ano dos cales 5 se poderán ver por primeira vez en España e 14 por primeira vez en Galicia.
As estreas galegas serán: 2006, de Gabriella Choueifaty (Francia, Líbano); EN HJÄLTES DÖD, de Karin Franz Körlof (Suecia); ESTE NO ES TIEMPO PARA CARNAVAL, de Tadeo Pestaña Caro e Kevin Havas (Arxentina); ROSE, de Annika Mayer (Alemaña); O, de Rúnar Rúnarsson (Islandia, Suecia); THE CAR THAT CAME BACK FROM THE SEA, de Jadwiga Kowalska (Suíza); HELLO STRANGER, de Amélie Hardy (Canadá); THE EGGREGORES’ THEORY, de Andrea Gatopoulos (Italia); AMARELA, de André Hayato Saito (Brasil); DOMINGO FAMILIAR, de Gerardo Del Razo (México); FURIA, de Fran Moreno Blanco e Santi Pujol Amat (España); BAD FOR A MOMENT, de Daniel Soares (Portugal); 400 CASSETTES, de Thelyia Petraki (Grecia, Alemaña) e EL BANNER, de Tomás Terzano (Arxentina, España).
Pola súa banda, as estreas españolas serán: HOUSEWARMING, de Liam White (Reino Unido); MOON LAKE, de Jeannie Sui Wonders (Estados Unidos); 1 HIJO & 1 PADRE, de Andrés RamÍrez Pulido (Colombia, Francia); LINNUD LÄINUD, de Anu-Laura Tuttelberg (Estonia, Lituania); e HIMMEL WIE SEIDE. VOLLER ORANGEN, de Betina Kuntzsch (Alemaña).
As curtametraxes que conforman a Sección oficial desta edición,inclúen tres cineastas galegos: ABELLÓN, de Fon Cortizo; HIPPOCAMPUS, de Xaime Miranda; e PATIOS DE LUZ, de Fran Rodríguez, posicionándose as tres como o mellor cine en formato curto do último ano a nivel internacional.
Na Sección GZ_OO poderase gozar do audiovisual galego emerxente
A través de 5 filmes faremos unha diversa e estimulante panorámica do que están a facer os novos creadores e creadoras do panorama audiovisual galego.
En O CORPIÑO, Blanca Navarrete e Antía Rodeiro, utilizan a imaxe de arquivo para amosarnos o Santuario da Nosa Señora do Corpiño (Santa Baia de Losón, Lalín), coñecido popularmente como “santuario dos exorcismos”, un dos máis visitados da Galicia interior.
Diego R. Aballe narra en MONSTERA a discusión que desata unha planta descoidada durante unha viaxe de negocios; e en HOLDSWORTH Xosé Dopazo mergullará ao público nunha obra de acción non-stop. DELINCUENTE, de Alba Domínguez e Nuria Vil presenta a La Maradona, líder dunha banda de delincuencia xuvenil do Vigo dos 80, nunha peza visual que rescatan a historia obreira da cidade olívica e a literatura contemporánea.
BOCA DE ASNO, de Carlos Calvar amosa como un tropezo desafortunado pode cambiar o teu futuro e Paula Pereira aborda en ALGO NOVO QUE CONTAR, que terá a súa estrea absoluta no FICBUEU, as dificultades de progresar nas relacións.
A Sección descubertas achegaranos pezas vangardistas
Quenda para as curtametraxes dedicadas a dar visibilidade aos traballos máis arriscados e innovadores, cun certo carácter experimental. Proxectaranse PERFECTLY A STRANGENESS, de Alison McAlpine (Canadá); unha exploración sensorial e cinematográfica do que pode ser unha historia; APOCALYPSE, de Méry Benoit (Francia), na que nun xigantesco festival de metal, a música vaise apoderando pouco a pouco dos metalheads; NEUN TAGE IM AUGUST, de Ella Knorz (Alemaña), a historia dun pai preocupado pola súa filla; ON HOLD, de Delia Hess (Suíza), unha curta episódica e surrealista sobre a absurdeza da vida urbana e a frustración que produce estar paralizado; e [S], de Mario Radev (Reino Unido, Polonia, Bulgaria), unha película que se adentra nun bucle inmersivo de formas orgánicas, reflexionando sobre a natureza enmarañada da vida e da arte.

Ademais o FICBUEU acollerá creacións producidas nas escolas de cinema, tanto galegas como internacionais, e nos centros de ensino galegos.
Os directores e directoras que exhibirán as súas obras en Escolas de cinema galegas serán Agustín Segura Prado, Mara Varela, Pablo Goirigolzarri, Xoán Vázquez e Aira Portos, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela; e Miguel R. Berride, da Universidade de Vigo.
Agustín Segura Prado participará nesta sección con El que no se agache (2025), unha peza na que, a partir dunha narración persoal, xunto con experiencias doutras persoas, crea un retrato sobre diferentes infancias e adolescencias LGBT.
Mara Varela, Xoán Vázquez, Pablo Goirigolzarri dirixen de xeito colaborativo Alén da estrada (2025), onde seguen a ‘Ruta do Grelo’ pola estrada N-550, desde Sigüeiro ata Ordes. Este road trip é o fío condutor que nos levará a coñecer as historias das mulleres que venden o excedente da súa colleita ao bordo da estrada.
Aira Portos presenta Praza do punto (2025), a súa primeira curta documental, na que que trata a historia de Viriato, unha empresa fundamental para a vila de Ordes que sempre formou parte do imaxinario da veciñanza e na que traballaron máis de trescentas mulleres da vila.
Para completar a sección, Miguel R. Berride achegaralle ao público Ancora (2024), a súa segunda curtametraxe. Nela, amosa os problemas dunha parella cando o medo, o control e o pasado están presentes.
Pola súa banda, na sección Escolas de cinema internacionais poderanse ver as obras, todas sen estrear en Galicia, de Carolina Cruz (Alemaña / Chile), Agne Girsaite (Lituania), Yohann Abdelnour (Líbano), Amie Song (Estados Unidos), Mansi Maheshwari (Reino Unido) e Mariona Martínez (España).
Mentres que en Recordari, Carolina Cruz nos fará viaxar ata o Santiago de Chile de 1985 con dúas nenas cuxas historias están marcadas polos horrores da ditadura militar de Pinochet, en Closeout, Agne Girsaite adentraranos nunha historia familiar sobre a venda dunha casa tras o falecemento do avó da familia.
O libanés Yohann Abdelnour levará o público ao bosque en Crow man. Alí vive unha nena que quere loitar cunha criatura estrana que pretende ir a polo seu avó despois do seu falecemento.
Three, de Amie Song, está chea de segredos que unha muller lle quere ocultar ás súas novas amizades e Bunnyhood, de Mansi Maheshwari, pon o foco tamén de novo nos segredos, neste caso os que hai nunha viaxe de última hora a un hospital.
Para rematar a sección, Mariona Martínez cóntanos en Lluna de sal o conflicto que lle presenta a Gala ao debaterse entre dous mundos moi distintos: o da súa mellor amiga, autista, e o das súas novas compañeiras, máis maiores e con novos intereses.
O festival fixo públicas tamén as pezas que formarán parte da sección Centros de ensino, continuando así coa súa liña de traballo de ter un espazo no festival para a totalidade da etapa educativa, dende infantil ata a universidade. Sendo finalistas nesta sección o CEIP Xesús Golmar, o CEIP Torre de Hércules o CEIP da Torre-Cela, o IES de Chapela o IES de Arzúa e o IES Ramón Cabanillas.
Na categoría de “Educación especial, infantil e primaria” o CEIP Xesús Gomar presentará no FICBUEU a súa curtametraxe Árbores no camiño; o CEIP Torre de Hércules, a súa peza Misterio en San Xoán; e o CEIP da Torre-Cela, O Capitán Chocalleiro. As temáticas que centran as liñas das súas creacións son o medioambiente, a loita contra a contaminación e a maxia das tradicións galegas.
Pola súa banda, na categoría “Educación secundaria”, o IES de Chapela levou a cabo Coma lobos, unha peza que, baseada no relato homónimo de Carlos Casares, narra en modo flashback a historia dunha detención e o seu tráxico desenlace.
O IES de Arzúa denuncia a indiferencia dun sector da sociedade ante a situación actual de Palestina na súa curtametraxe Está pasando agora; mentres que o IES Ramón Cabanillas crearon Mariñeira para renderlle homenaxe a todas as familias que perderon a alguén no mar.
O FICBUEU, como medida de presión ante o xenocidio en Gaza e por segundo ano consecutivo, decidiu deixar fóra do proceso de selección ás curtas israelitas financiadas polo goberno de Israel.
