Presentación do ciclo ‘O oficio de vivir’ | Concello de Pontevedra

Cinema e coloquios sobre saúde mental volven ao Teatro Principal de Pontevedra co ciclo ‘O oficio de vivir’

3 Febreiro 2026

  • A programación do ciclo terá como epicentro o Teatro Principal os días 4, 5, 11 e 12 de febreiro, con entrada de balde, sempre a partir das 19:00 horas.
  • As proxeccións incluirán coloquios posteriores con especialistas en psicoloxía, psiquiatría e traballo social para reflexionar sobre o malestar contemporáneo, o trauma ou as relacións nas redes.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, xunto con África Martínez, representante do colectivo Taller Abierto, presentaron unha nova entrega do ciclo de cinema ‘O oficio de vivir’. Esta iniciativa, que chega á súa cuarta edición, busca vencellar o cinema coa saúde mental, consolidándose como un espazo de reflexión e encontro para a cidadanía.

Segundo explicou a concelleira pontevedresa, dende o goberno local acredítase no cinema non só como unha ferramenta de lecer, senón tamén “de reflexión” que permite chegar a “lugares críticos onde é importante estar”.

A edil quixo subliñar que, aínda que dende o Concello se traballe para contextualizar e falar destas preocupacións, “o que verdadeiramente protexe a saúde mental das persoas é un sistema sanitario público robusto”, unha competencia que excede o ámbito municipal.

Non obstante, o ciclo preséntase como unha achega útil e comprensible para “poñer en común” e falar das cuestións que preocupan á veciñanza arredor dun filme.

O ciclo terá lugar como tal no Teatro Principal de Pontevedra a partir das 19:00 horas, con entrada de balde até completar aforo. As sesións constarán da proxección dun filme seguida dun coloquio guiado por Suso Novás e especialistas en saúde mental.

África Martínez, de Taller Abierto, empresa coordinadora da actividade, detallou o programa deste ano, deseñado para abordar temáticas variadas a través da cultura como vehículo:

MÉRCORES, 4 DE FEBREIRO

Proxectarase o documental ‘Estado de malestar’ (Estados Unidos, 2012, David O. Russell), que trata sobre o padecemento derivado dos modos de vida contemporáneos.

O coloquio contará con Pablo Braña, graduado en traballo social na unidade de agudos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

XOVES, 5 DE FEBREIRO

A sesión xirará arredor do filme ‘O lado bo das cousas’ (Estados Unidos, 2012, David O. Russell), abordando o estigma do trastorno mental.

Participará Estrela Gómez, licenciada en psicoloxía e traballadora en centros de menores e rehabilitación psicosocial.

MÉRCORES, 11 DE FEBREIRO

Proxectarase ‘A habitación’ (Irlanda-Canadá-Reino Unido, 2015, Lenny Abrahamson), unha fita que trata sobre o trauma.

O coloquio estará a cargo de Ana Cris Eiriiz, psicóloga especializada no tratamento do trauma complexo.

XOVES, 12 DE FEBREIRO

O ciclo pecharase co filme ‘Her’ (Estados Unidos, 2013, Spike Jonze), que explora as relacións sociais na rede.

O convidado especial será Mariano Hernández Monsalve, psiquiatra e docente con preto de 30 anos de experiencia nos servizos de saúde mental de Madrid.

Dende a organización destacan a boa acollida desta iniciativa, que nas edicións anteriores logrou case un cheo no teatro e conta cun público fiel. “O cine é un vehículo para que todos poidamos achegarnos e comprender determinados temas”, sinalou Martínez, destacando que moitos asistentes quedan ata o final para participar nos coloquios.

O ciclo está organizado por Taller Abierto (Ana Barreiro e África Martínez) en colaboración coa Concellaría de Benestar Social de Pontevedra e conta coa participación de Suso Novás na selección dos filmes.

Está pasando!