CITA. Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

27 Xullo 2020

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais permite achegar ao público ao coñecemento sobre o que foi un dos monumentos emblemáticos da historia de Pontevedra, coa ponte medieval e a igrexa de Santa María a Maior.



Construído no subsolo, aproveitando o foso defensivo do pazo-fortaleza das Torres Arcebispais, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) é o primeiro centro museográfico municipal da cidade de Pontevedra. O edificio foi construído no soto,  utilizando o foso defensivo do pazo-fortaleza das Torres Arcebispais descuberto durante as obras da avenida de Santa María.

O centro, que ocupa 715 metros cadrados, era a base da fachada da fortaleza, ou escarpa, mentres que o muro exterior, de peor factura, era a contraescarpa. A estrutura inclúe unha ponte levadiza para o acceso á fortaleza. Os restos arqueolóxicos resultan sorprendentes porque o foso defensivo está situado cara o interior da vila, dado que o pazo-fortaleza xa estaba protexido do exterior pola muralla defensiva de Pontevedra, da que formaba parte. Durante as obras atopáronse tamén 24 bólas bastas de pedra que foron utilizadas no seu día como proxectís de catapulta.

O deseño arquitectónico busca a posta en valor do oco aberto polas escavacións, que se integra no circuíto museístico. O CITA ten como único elemento en superficie un acceso, a modo de boca de metro acristalada, na rúa do Mestre Mateo.



O centro museográfico está dividido no seu interior en tres partes ben diferenciadas. Á entrada ofrécese unha información contextual da Pontevedra medieval e moderna e sobre o propio edificio do pazo-fortaleza. A recepción aos visitantes está apoiada en pantallas táctiles e o enfoque está moi orientado ao turista e a un público novo, buscando a interactividade. Neste espazo hai unha maqueta coa reconstrución do edificio do pazo-fortaleza.

A parte central do CITA está consagrada á observación da escarpa e a contraescarpa e ás características defensivas deste inmoble. Nesta parte móstrase a ponte levadiza e unhas balas pétreas de catapulta, así como as marcas de canteiro e algunhas pezas cerámicas atopadas nas escavacións. Finalmente, ao fondo exhíbese un audiovisual en tres dimensións, que está dispoñible en galego, español e inglés, e que conta tamén con versión subtitulada especial para xordos.

O museo inclúe tamén unha maqueta táctil que reconstrúe fisicamente o pazo-fortaleza das Torres Arcebispais (incluíndo tamén rotulación en Braille), cunhas pantallas táctiles que inclúen datos e xogos interactivos concibidos dun xeito pedagóxico.

WEB: http://cita.pontevedra.gal/

Está pasando!