32.ª Bienal de Arte de Pontevedra

sáb21xuñConsultarmar30set32.ª Bienal de Arte de Pontevedra'VOLVER A SER HUMANOS. ANTE A DOR DOS DEMAIS'(Consultar) Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A Bienal de Arte de Pontevedra, a máis antiga de España, regresa do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025 despois de quince anos de ausencia.

A 32.ª edición da Bienal terá o Museo de Pontevedra como epicentro e estenderase por toda a cidade, que se converterá nunha protagonista máis ao albergar nas súas prazas, fachadas e edificios emblemáticos as obras de máis de sesenta artistas internacionais de primeiro nivel.

Comisario: Antón Castro. Comisaria adxunta: Agar Ledo

Co título “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, búscase reflexionar acerca de varios temas que reflicten o momento actual da arte e dos desafíos da sociedade contemporánea.

A historia da humanidade estivo marcada pola guerra, un fenómeno que deixou fondas pegadas na nosa identidade colectiva. En conflitos actuais coma o de Rusia e Ucraína, os enfrontamentos en Gaza, Líbano, Sudán ou Malí, entre outros, a violencia segue afectando millóns de persoas. Na súa 32.ª edición, a Bienal de Pontevedra aborda estes temas, analizando as guerras non só como combates bélicos, senón como crises que destrúen o tecido social, emocional e económico das sociedades. Inspirada por pensadores coma Rob Riemen e Susan Sontag, a exposición propón que, para superar estes conflitos, os seres humanos deben “volver a ser humanos”, recuperando a súa capacidade de reflexión e empatía. A través da arte, da espiritualidade e da imaxinación, búscase ofrecer unha resposta de esperanza, e convidar á reflexión e á curación colectiva. Estes preséntanse como ferramentas esenciais para reconstruír o que a guerra tentou destruír.

Mediante metáforas, símbolos e narrativas alternativas, procúrase tender pontes entre as diversas experiencias humanas, entre o visible e o invisible, o real e o imaxinado. O obxectivo é crear un raio de esperanza que impulse a humanidade para reencontrarse consigo mesma, a reconstruír un futuro onde a guerra non sexa o destino, senón a superación da escuridade a través da luz, do amor e da verdade.

Só mediante este retorno ao humano, o rescate da memoria e unha comprensión profunda, podemos aspirar a un mundo no que a guerra non sexa a resposta, senón un recordatorio dunha crise que nos ensinou a importancia de ser humanos.

VISITAS GUIADAS Á BIENAL DE PONTEVEDRA

As visitas guiadas á Bienal son unha oportunidade perfecta para descubrir os contidos e os espazos desta edición da man de especialistas

Haberá visitas para particulares os xoves pola tarde, os sábados en horario de mañá e tarde, e os domingos, con percorridos temáticos por diferentes sedes da mostra.

Xoves (do 10 de xullo ao 25 de setembro)

  • 18 h. Visita comentada á bienal nos edificios Castelao e Sarmiento

Domingos (do 13 de xullo ao 28 de setembro)

  • 12 h. Visita comentada á bienal nos edificios Castelao e Sarmiento
  • 20 prazas por visita
  • Inscrición previa en [email protected], de luns a venres, de 8 a 14 h (especificaranse data da visita, nome, número de persoas, procedencia e teléfono de contacto)
  • Punto de encontro: recepción do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

Sábados (do 12 de xullo ao 27 de setembro)

  • Os percorridos organizaranse alternando o horario das zonas cada fin de semana; comezarase o sábado 12 de xullo visitando a zona 1, ás 11 h, e a zona 2, ás 18 h, e o sábado seguinte inverterase a orde. Así, as persoas participantes poderán visitar as dúas zonas no horario que lles resulte máis adecuado.
  • 11 h. Zona 1: “Esperanza na escuridade”

    • Visita aos espazos: Castelao, Sarmiento, igrexa de Santa Clara, Fundación Manuel Moldes e Café Moderno
    • Duración: 2 h 15 min (cunha pausa de 15 min)
    • Punto de encontro: Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

  • 18 h. Zona 2: “Futuros posibles”

    • Visita aos espazos: Ruínas de San Domingos, Pazo provincial, Facultade de Belas Artes, Casa da Luz, Fundación RAC, ponte de Santiago e Pazo da Cultura
    • Duración: 2 h 20 min (cunha pausa de 15 min)
    • Punto de encontro: Ruínas de San Domingos

  • 20 prazas por visita
  • Inscrición previa en https://espiralxc.es/visitas-guiadas/

VISITAS PARA GRUPOS

Para visitas en grupo á bienal nos edificios Castelao e Sarmiento, deberase concertar cita en [email protected] ou nos teléfonos 886 201 410 ou 986 804 100 (extensións 42413-42416.)

Hora

Xuño 21 (Sábado) - Setembro 30 (Martes)

Localización

Museo de Pontevedra

Está pasando!