This is a repeating event

42 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

lun23xuñConsultar42 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de CangasDo 22 de xuño ao 6 de xullo de 2025(Consultar: luns) Auditorio Municipal de Cangas - Cangas

Detalles do Evento

Entre os días 22 de xuño e o 6 de xullo celebrarase en Cangas a 42 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. Ao longo de 15 días, a MITCFC acollerá 26 espectáculos, repartidos en cinco escenarios, incluíndo o Auditorio Municipal para as obras nocturnas.

Nesta 42 edición contaremos con 5 coproducións, 8 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia, espectáculos que van desde a danza, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador, até o teatro de rúa e o máis clásico e popular.

Este ano, a organización elaborou un programa que abondase nas coproducións, nun apoio firme ao tecido teatral galego, ás novas compañías e a creadoras e creadores de todas as xeracións.

En canto á programación, subliñar que varias das coproducións son estreas absolutas, entre as que destacan: ‘O espírito de Vania’, un espectáculo creado a partir da peza do dramaturgo ruso Antón Chékjov, no que Machi Salgado desenvolverá diversos roles para conectar o espírito de Vania coas inquedanzas da sociedade galega e o mundo actual.

Outra das estreas que coproduce a Mostra é ‘A beleza faranos libres’, espectáculo que fusiona teatro e cinema para falar do amor á terra, á maxia dos montes e da beleza como horizonte para fuxir da voracidade do extractivismo.

Destacar tamén ‘Coa cabeza nas nubes’, un espectáculo da compañía SÖA que fusiona música, danza e teatro. Tamén se poderá ver en Cangas ‘Gala’, da compañía de novo circo do País Vasco Rojo Telón, unha das pioneiras formada por mulleres que celebran o seu décimo aniversario.

En canto ás estreas en Galicia, a MITCFC presentará, entre outros espectáculos, ‘La reina brava’, o último traballo da compañía andaluza, Las Niñas de Cádiz. Ademais, a compañía La Zaranda volve a Cangas co espectáculo ‘Todos los ángeles alzaron el vuelo’, recentemente estreado e cunhas críticas extraordinarias. A Mostra tamén presentará en Galicia ‘Julio César’ do Teatro do Chapitô, despois de acadar un éxito internacional rotundo.

Ademais, coincidindo coa celebración dos 25 anos de Mulleres en Acción, a Mostra presentará por primeira vez en Galicia a performance colectiva ‘Se nota, se siente, el beige es incluyente’, pilotada por Miss Beige, o xenial alter ego da actriz e performer, Ana Esmith. Gozaremos, tamén, do multipremiado espectáculo de teatro físico, ‘Lubbert’, do artista catalán Inda Pereda, que leva anos percorrendo o mundo cun éxito absoluto de crítica e público.

Na 42 MITCFC tamén se inclúe unha homenaxe ao recentemente falecido, Henrique Harguindey, profesor, tradutor e un dos fundadores da MITCFC, programando o espectáculo ‘As gardías ou o nó do tecelán’, de Nasser Djemaï, cuxa tradución do francés ao galego é o derradeiro traballo de Harguindey.

25 ANOS DE MULLERES EN ACCIÓN

Aproveitando o seu 25 aniversario, Mulleres en Acción vai facerse eco da decisión da Real Academia Galega de dedicar As Letras Galegas ás cantareiras e pandeireteiras, cunha programación especial.

Por unha banda, o pregón da 42 MITCFC correrá a cargo das Fillas Bravas, esas tres cantareiras e pandeireteiras empoderadas saídas do Grupo Chévere. O pregón será traducido á linguaxe de signos.

Ademais, Mercedes Peón interpretará ‘Ósmose’, unha proposta musical, performativa e audiovisual na que a internacional artista crea un diálogo colectivo, con imaxes do seu arquivo persoal, co traballo visual de Peque Varela, o relato fílmico da película ‘Nación’ de Margarita Ledo Andión, e a arquitectura lumínica de Laura Iturralde. Asi mesmo, as voces e pandeiretas das pandeireteiras do Morrazo invadirán as rúas de Cangas para difundir a riqueza que nos legaron e amosar que hai relevo xeracional.

A Mostra sigue apostando pola dramaturxia co xa consolidado e popular ‘Torneo de Dramaturxia de Galicia’, que este ano chega á súa novena edición. Ademais, celebrarase un encontro de representantes de asociacións de dramaturgas/os de Baleares, Cataluña, Galicia, Madrid, Murcia e Valencia que van presentar o ‘Manual de prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas’, un documento elaborado conxuntamente.

PREMIOS

Como cada ano, a MITCFC concede dous galardóns. O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 42 edición é para a Compañía de Teatro A Panadaría, en recoñecemento “ao seu talentoso labor en ‘amasar’ un teatro innovador e esixente”.

A organización destaca o traballo que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as tres almas máter da compañía, adoitan crear cunha excelente acción física e verbal. Tamén salienta as temáticas actuais das súas obras, “un teatro que denuncia sen vitimizar, a través da comedia, ese xénero aínda desvalorizado do que poucas creadoras son protagonistas”.

Por outra banda, o Premio Mulleres en Acción 2025 recae en Mercedes Peón, pola súa “extraordinaria traxectoria profesional, artística, pedagóxica, de investigación e social”. Compositora, instrumentista e cantora de creatividade excepcional, Peón comezou hai xa 25 anos a realizar un formidable labor de investigación e divulgación que visibilizou ás pandeireteiras, mulleres esenciais no desenvolvemento da riqueza musical e cultural do país.

Mercedes Peón, ademais, é impulsora do proxecto ‘Somos Pandeireteiras’ que naceu coa firme intención de mover os marcos de pensamento androcéntrico e de crear un espazo diáfano para poñer no centro ás tocadoras e así crear os seus propios relatos, sen mediacións externas.

ABONOS

Entre o 10 de maio e o 31 de xuño estarán á venda os abonos para asistir ás funcións que este ano serán representadas no Auditorio. O 2 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de Ataquilla as entradas individuais. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo.

O importe do abono para as 10 obras que serán representadas no Auditorio é de 80 euros, o que supón unha rebaixa de 15 euros con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (10 euros cada unha).

Hora

Consultar (Luns)

Localización

Auditorio Municipal de Cangas

Avenida de Lugo, 27A, 36940 Cangas, Pontevedra

Está pasando!