4ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en Vigo

dom06xul09:004ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en Vigo#25AnosPoloDanoCerebral09:00 Concello de Vigo - Vigo

Detalles do Evento

Dano Cerebral Galicia leva este ano a Vigo a súa Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral, unha proba deportiva que busca promover uns hábitos saudables para a prevención do ictus, que é a principal causa do dano cerebral adquirido, así como sensibilizar sobre esta discapacidade, e celebrar o aniversario, este 2025, das súas asociacións da Coruña, Santiago e Vigo.

Precisamente será nas rúas do barrio de Navia, sede de Alento, onde van decorrer os 5 quilómetros de carreira e 5,5 de andaina desta 4ª edición da proba que festexa #25AnosPoloDanoCerebral. A cita é o domingo 6 de xullo e a inscrición está aberta e tramítase na plataforma Magma Sports.

Aberta a todas as idades e capacidades: categorías, agasallos e premios

A 4ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral conta con cinco modalidades diferentes:

  • Absoluta (5 km). Proba competitiva na que pode participar calquera persoa maior de 16 anos, federada ou non federada. Inscrición 5 euros. Haberá trofeos para o/a 1º, 2º e 3º clasificado e clasificada na categoría Absoluta, así como para o 1º e a 1ª nas categorías Sénior (nado entre 2007 e 1991), Máster 1 (+35 anos), Máster 2 (+45 anos), Máster 3 (+55 anos) e Máster 4 (+65 anos). Os/as segundos e terceiros clasificados e clasificadas de todas as modalidades, agás a Absoluta, recibirán unha medalla.
  • Sub 16 e Sub 14 (1.200 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2010 e 2011, para Sub 16; e entre 2012 e 2013 para Sub14. Inscrición 2 euros. Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 16 como en Sub 14.
  • Sub 12 e Sub 10 (600 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2014 e 2015, para Sub 12; e entre 2016 e 2017 para Sub 10. Inscrición 2 euros. Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 12 como en Sub 10.
  • Pitufos (100 metros). Proba non competitiva. Aberta a nenas e nenos nados a partir de 2018 ata a actualidade. Inscrición 2 euros. Haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes.
  • Andaina (5,5 km). Proba non competitiva. Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos e os/as menores de 16 anos sempre que vaian acompañados/as dun/ha adulto/a responsable. Inscrición 5 euros e de balde para menores de 16 anos.

A inscrición permanecerá aberta ata o mércores 2 de xullo ás 23:59 h. Ademais, para as persoas que queiran colaborar solidariamente pero non poidan participar, está habilitado un Dorsal 0 accesible desde a mesma ligazón de inscrición.

Todas as persoas inscritas van recibir como agasallo unha camiseta conmemorativa da proba. Ademais, vaise sortear unha camiseta do Real Club Celta de Vigo doada pola Fundación deportiva e asinada polos xogadores do primeiro equipo masculino.

O punto de saída e meta vaise situar na rúa Pedra Seixa, diante da sede da asociación Alento. Os horarios de saída varían en función da modalidade. A apertura de mesas de entrega de dorsais e do servizo de gardarroupa será ás 09:00 h., dando saída a carreira absoluta ás 09:45; as escolares a partir das 11:00; e a andaina ás 12:00, inmediatamente despois do acto de entrega de trofeos.

25 anos de tecido asociativo do dano cerebral adquirido

En 2025 celébrase o cuarto de século de vida das asociacións de dano cerebral decanas de Galicia. Alento en Vigo, Dano Cerebral A Coruña ADACECO e Dano Cerebral Santiago de Compostela celebran 25 anos e a Federación quere acompañar este fito incorporando a carreira á festa. Así, festéxanse #25AnosPoloDanoCerebral, mirando atrás para avaliar os logros e avances destes cinco lustros.

Dano Cerebral Galicia deseñou esta proba, que acada a súa 4ª edición, co obxectivo de visibilizar o dano cerebral adquirido, chamando á acción solidaria do conxunto da cidadanía para camiñar pola man das persoas con dano cerebral, dando un exemplo de inclusión e participación.

Ademais, preténdese promover uns hábitos de vida saudable para a prevención do ictus, que é a primeira causa do dano cerebral, e que pasan necesariamente pola práctica de exercicio, evitando o sedentarismo. Por último, quérese fomentar un ambiente deportivo san, afastado de valores competitivos que levan ao estrés ou mesmo á violencia, que constitúen, tamén, factores de risco de ictus ou de traumatismos cranioencefálicos, respectivamente.

Unha proba, múltiples colaboracións

A Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral celebrouse noutras ocasións en Ourense (naquel momento, con formato de trail), Santiago de Compostela e Lalín (en dúas ocasións).

Está organizada por Dano Cerebral Galicia e Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, contando co apoio e colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-, do Concello de Vigo e de Deporte Galego. Ademais, respaldan a actividade a Asociación Vodea, o Real Club Celta de Vigo, e as empresas Eroski, Daveiga e Toldos Gómez.

Hora

(Domingo) 09:00

Localización

Concello de Vigo

Está pasando!