‘Iribarne’ | @ Geraldine Leloutre

ButacaZero presenta 'Iribarne' en Vilagarcía

sáb24feb20:00ButacaZero presenta 'Iribarne' en VilagarcíaRede Galega de Teatros e Auditorios (AGADIC)20:00 Auditorio Municipal de Vilagarcía - Vilagarcía de Arousa

Detalles do Evento

O sábado 24 de febeiro, ás 20.00 horas, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa acolle a posta en escena de ‘Iribarne’, o novo espectáculo de ButacaZero.

A obra, unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas baixo a dirección de Xavier Castiñeira, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

‘Iribarne’ é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.

Entradas anticipadas á venda desde 5 euros en Ataquilla.com e, de non esgotarse, na billeteira do Auditorio a partir das 18:00 horas.

Como nos convenios anteriores, os billetes para as funcións programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios teñen un prezo reducido de 5 euros, ofertando o Concello de Vilagarcía bonificacións especiais para xóvenes, persoas maiores e desempregados. As persoas pertencentes a estes colectivos deberán acreditar a súa condición presentando o Carné Xove, a tarxeta de desempregado e DNI, segundo proceda, para poder optar á entrada a 3 euros.


‘Iribarne’ | @ Geraldine Leloutre

Iribarne é un tipo nado na mesmísima vila de Rouco Varela (si: o cardeal) durante a Monarquía de Alfonso XIII (o primeiro promotor do cine porno en España?, si-si: ese). Emigrado a Cuba con tan só un aniño -coincidindo con inauguración da ditadura de Primo de Rivera- tras facer as Américas durante un par de anos o noso protagonista volve triunfante para ser o fillo do alcalde (e o da francesa!).

Empeza o bacharel coa entrada da II República, case-case se fai cura durante a Guerra Civil pero decide liscar a Madrid -seguindo o rastro doutro galego ilustre- nada máis inaugurada a Era do Devandito (si, claro: O Caudillísimo). Con tanto afán tentou ser como o que máis pronto que tarde chegou a ser Ministro no seu mandato, a pesar de ter disparado dous días antes contra o cu da súa filla (pero que dis!? Si-si: dato real!).

Sendo o primeiro e mellor opositor de España, quixo substituír ao Caudillo cando este morreu. Non puido ser: non ía por oposición. Tivo que conformarse co cargo de Vicerrei na súa querida Terra Galega.



POSTA EN ESCENA

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de ‘Iribarne’ ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single ‘WHO THE F*CK IS IRIBARNE?’ e que está editada por Subterfuge Records.

Hora

(Sábado) 20:00

Localización

Auditorio Municipal de Vilagarcía

Av. da Mariña, s/n, 36600 Vilagarcía de Arousa

Está pasando!