Ciclo ‘Primeiros ollares' en Pontevedra

dom02novConsultardom07decCiclo ‘Primeiros ollares' en Pontevedra'Matinés de cinema infantil no Teatro Principal'(Consultar) Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Concello de Pontevedra presenta un novo programa destinado a público infantil e familiar que chega da man do Cineclube Pontevedra baixo o nome ‘Primeiros ollares. Matinés de cinema infantil no Teatro Principal’.

Esta primeira edición contará con 3 proxeccións matinais os días 2 e 30 de novembro e 7 de decembro ás 12.00 horas. no Teatro Principal.

As propostas achegarán diferentes temáticas coma o wéstern, o dereito a expresarse, o Nadal, etc. a través do humor, a cor e técnicas como a animación ou stop motion.

Recomendadas a partir de 6 e 7 anos, contará con entrada libre ata completar cabida.

‘Calamity, unha infancia de Martha Jane Cannary’ | Cineclube Pontevedra

O ciclo bota a andar o domingo 2 de novembro co filme franco-danés ‘Calamity, unha infancia de Martha Jane Cannary’ (2020), de Rémi Chayé.

Unha xoia da animación que ficciona a infancia da mítica pistoleira e exploradora estadounidense Martha Jane Cannary (1852-1903), e que foi galardoada co premio á mellor longametraxe no Festival de Annecy no ano 2020.

O filme, que posúe todos os elementos dun bo wéstern, destaca pola súa estética impresionista e a explosión de cores para retratar as paisaxes norteamericanas, así como polo carácter da súa nova protagonista, que rexeita sen concesións o rol de xénero que lle presupón a lóxica masculina do Oeste americano do seu tempo.

Está recomendado a partir dos 7 anos. A duración é de 82 minutos.

‘Linda quere polo’ | Cineclube Pontevedra

O día 30 de novembro é a vez de ‘Linda quere polo’ (2023), produción franco-italiana dirixida por Chiara Malta e Sébastien Laudenbach, presentada en Cannes e galardoada co premio á mellor longametraxe en Annecy e co Cesar ao Mellor Filme de Animación en 2023.

Unha divertida aventura culinaria que narra as aventuras de Paulette, unha nai decidida a emendar o seu erro tras castigar inxustamente a súa filla Linda.

O orixinal uso da cor e o seu universo visual, inspirado na obra de pintores como Henri Matisse ou Pierre Bonard, é un dos grandes valores do filme. É tamén salientable a visión que ofrece dos barrios como lugares de comunidade, xogo e liberdade, así como a alegría e o humor que desprende sen renunciar a tratar temas serios como o dó, a autoridade ou o dereito a expresarse.

Filme recomendado a partir dos 7 anos. A duración é de 75 minutos.

‘Tony, Shelly e a lanterna máxica’ | Cineclube Pontevedra

‘Primeiros Ollares’ rematará o domingo 7 de decembro coa proxección de ‘Tony, Shelly e a lanterna máxica’ (2023), do realizador checo Filip Pošivač. 

Un conto de Nadal que celebra as identidades únicas das crianzas, o valor da diferenza, o poder da amizade e a superación dos medos.

O filme foi creado mediante a laboriosa técnica do stop motion, que conta cunha gran tradición na República Checa, fotografando cada mínimo movemento dos títeres e escenarios que foron construídos artesanalmente para dar a sensación de movemento.

O resultado, que reborda fantasía e sorprende pola vistosidade das súas imaxes, foi premado co premio Contrechamp no Festival de Annecy e mais co premio á mellor longametraxe de animación na sección Anima’t no Festival de Sitges en 2023.

Está recomendado a partir dos 6 anos. A duración é de 80 minutos.

Hora

Novembro 2 (Domingo) - Decembro 7 (Domingo)

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!