‘Cortello de amor’ | Amorodio Teatro

‘Cortello de amor’ de Amorodio Teatro en Silleda

dom23mar19:00‘Cortello de amor’ de Amorodio Teatro en SilledaPROGRAMACIÓN CULTURAL DE TEATRO EN SILLEDA19:00 Concello de Silleda - Silleda

Detalles do Evento

O domingo 23 de marzo, ás 19:00 horas no Auditorio Manuel Dopazo de A Bandeira, a compañía Amorodio Teatro chega con ‘Cortello de amor’, unha comedia moi galega que trata a problemática actual dos disparatados prezos dos alugueiros así como o turismo non sostible.

Jack e Rose, unha parella que rolda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia, van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso. Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.

Durante esa noite no rocho, descobren que a súa paixón reavívase neste pequeno espazo. Encantados coas marabillas do faiado, teñen a idea de sacar uns cartos extra alugando a turistas o seu céntrico apartamento na zona vella dunha senlleira cidade galega, mentres eles aproveitan para pasar tempo no faiado, ao que chaman “niño de amor”, reconectando como parella.



Todo vai sobre rodas mentres os nosos protagonistas acumulan cartos e soños de futuro, pero a todo porco lle chega o seu San Martiño: coa fin do verán os ingresos baixan, a falta de espazo persoal ameaza con dinamitar a súa relación, a súa veciña anciá, dona Virtudes (que aprecia moito o silencio, e ten algúns problemas de paranoia) parece disposta a facerlles a vida imposible, e o negocio de turismo porcino (un “resort” de natación con porcos nas Rías Altas) no que Jack investiu os cartos gañados, anúnciase un fracaso absoluto.

Jack e Rose veranse, entón, abocados a tratar de non afogar nun naufraxio que eles mesmos causaron. Terán que enfrontarse ao feito de que o seu niño de amor é un cortello, e todo o que fixeron, probablemente, unha merda.



Este espectáculo forma parte da programación cultural de teatro en Silleda que busca achegar ao público representacións teatrais de calidade.

Hora

(Domingo) 19:00

Localización

Concello de Silleda

Está pasando!