This is a repeating event

Festas de San Telmo 2026 en Tui

dom05abrConsultarFestas de San Telmo 2026 en TuiDo 4 ao 13 de abril de 2026(Consultar: domingo) Concello de Tui - Tui

Detalles do Evento

A presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, será a pregoeira das Festas de San Telmo deste ano 2026. A lectura do pregón, marcará o inicio oficial dos festexos o próximo sábado, 4 de abril, ás 12.45 horas, na praza da Inmaculada.

O Teatro Municipal de Tui, o Espazo Feiral, a praza da Inmaculada, o Paseo da Corredoira e o Espazo Sociocultural, serán parte dos escenarios nos que se desenvolva o amplo programa destes festexos coa entrega dos Premios Cidade de Tui, concertos, animación de rúa, teatro, actividades familiares, gastronomía eventos deportivos, verbenas …

Na primeira xornada de festas, o sábado ás 18.30 horas no Teatro Municipal, entregaranse os Premios Cidade de Tui a Marga do Val, na categoría individual, e ao Tyde F.C. na de colectivo e, a continuación, inaugurarase na Sala Municipal a mostra “TYDE F.C. Un século de historia”.

Na primeira fin de semana das festas, o sábado 4 e o domingo 5, na praza da Inmaculada celebrarase o V Encontro de Viños da Raia. 

Este ano, por responsabilidade como administración pública e tras manter unha xuntanza co sector hostaleiro, o Concello tomou a decisión de non promover institucionalmente o consumo do meixón, tendo en conta a situación desta especie, pero o gonerno municipal está e estará sempre ao lado da hostalaría, un sector fundamental para a economía da vila, polo que a Festa do Meixón seguirá presente nos establecementos locais que decidiron mantelo nas súas cartas.

Deste xeito, este produto poderá degustarse, previa reserva, do 1 ao 13 de abril en Casa Pote, El Molino, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, Parador e O Bartolo, cun prezo de 85 euros por ración. 

música será un dos grandes atractivos das festas. Aos concertos xa anunciados de La Fuga e Puño Dragón, o sábado 4, e Ñu, o domingo 5, sumaranse os dos grupos The Piledeis, The Sibaritas e os tudense Ola de Calor. Celebrarase a segunda edición de Tui Mix para a poboación máis nova con El Virtual, Komojo, e Overdose Djs con Kaixo, Wabii&Denzo e Xiari no Espazo Feiral.

Non faltará concertos clásicos das festas coma o da Escola Naval Militar de Marín, e outras agrupacións populares coma a Banda de Música Popular de Tui, a Banda Xuvenil de Tui, a Agrupación Musical Atlántida de Matamá, e a Banda de Música Municipal de Ribadumia.

animación de rúa chegará da man das charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos, contarase cos pasarrúas ‘Verme Lambón’ de Barafunda, ‘A Trikimachín’ de Pulpiño Viascón e ‘Mimo Circus Party’ de Pista Catro.

música tradicional volverá ser protagonista no Festival Folclórico no Teatro Municipal, o domingo, 5 coa participación dos grupos Xuntanza (Randufe), Darraia (Tui), Santa Columba (Ribadelouro), San Telmo (Tui), Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), e O Mosteiro (Pexegueiro). Nas rúas actuarán os grupos Sans Fins de Rebordáns e Lembranzas de Guillarei xunto aos xigantes e cabezudos o sábado 4 e o luns 13, respectivamente.

O Espazo Sociocultural acollerá a actuación da CAI, Compañía Artística Interdisciplinar con “Ferro e Fío”, unha demostración do alumnado da Escola de Danza Paula Cobián, e concertos do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Durante as festas celebrarase a XVI Semana de Teatro Amador na que os grupos tudenses estrearán as súas novas obras, nunha cita consolidada e que cada ano recibe unha gran acollida por parte do público. Así o grupo de teatro San Fins de Rebordáns estreará “Ultramarinos Norte”, A Insua de Caldelas presentará por vez primeira ante o público “Error 404”, Aloia de Pazos de Reis “Taxi”, e Xuntanza de Randufe “Tres porquiños”.

Na programación para público familiar o Teatro Municipal acollerá o concerto “Eih!! Carballeira” de Uxía Lambona e a Banda Molona o luns 6; e o Espazo Sociocultural será o escenario do espectáculo de circo “Todotrucazos” de Henriko o venres 10 ; de “Etéreo” co mago Samuel Moreno o sábado 11,

Amenizarán as verbenas as orquestras Panorama City e a Los Satélites o domingo 12, París de Noia o luns 13, Claxxon o venres 10, e La Banda de Ayer o sábado 11.

No ámbito deportivo a Concentración Cabalar celebrarase durante tres días, sábado 11, domingo 12 e luns 13, en San Bartolomeu cun amplo programa de actividade. E o sábado 11 a Carreira Popular de San Telmo volverá a reunir a centos de persoas de todas as nunha cita con gran tradición que ten aberto o prazo de inscrición até o próximo martes 7 de abril. Así o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, explicaba que o obxectivo este ano na Carreira de San Telmo II Memorial Xosé Martínez Tato, é superar as 700 persoas participantes.

Do mesmo xeito na Ultreia, a marcha que se celebrará o domingo 12 entre Tui e Pontevedra, agardan unha ampla participación tendo en conta que superan xa as 800 inscricións. Con respecto a concentración cabalar confirmou a celebración da II Ruta Cabalar, onde conta con reunir a 500 persoas.

canto coral chegará ás residencias e ao centro de día coas corais Ponte das Febres, San Telmo, e do Centro Sociocomunitario.

Outras citas serán a Foliada no Espazo Feiral, o desfile exaltación do traxe tradicional e a entrada concerto da Banda de Guerra e Guión da BRILAT, e homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.

A programación culminará o luns 13 de abril, festivo local en Tui, Luns de San Telmo, coa solemne procesión de San Telmo que partirá da Catedral para percorrer as rúas de Tui e regresar á praza de San Fernando onde terá lugar a ofrenda ao Santo. Este é un dos actos procesionais máis numerosos que se celebran na zona tanto polo número de imaxes que participan, chegadas de todas as parroquias tudenses, como polas miles de persoas que acoden cada ano.

A despedida das festas deste 2026 será luminosa e musical coa tirada de fogos piromusicais que o luns 13 ás 23.30 horas se realizará dende o paseo Familia Álvarez Blázquez.

programa oficial de San Telmo 2026, está xa dispoñible en tui.gal, e está recollido nun programa de man que se distribuirá en todas as vivendas do municipio, e estará dispoñible nos establecementos comerciais. Seguindo a imaxe do cartel deste ano obra do tudense Carlos Fer recóllese día a día a programación prevista entre o sábado 4 e o luns 13 de abril.

Coa presentación da programación Tui inicia a conta atrás para as festas na honra a San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego, que durante dez días brindarán actividades culturais, deportivas, festivas,…que serán un atractivo tanto para a veciñanza tudense como para persoas de toda Galicia e do norte de Portugal.

Esta é a programación deste 2026 nas Festas de SanTelmo:

SÁBADO 4 DE ABRIL

  • 12.00 – 15.30h. e 20.00 – 23.00h. Na praza da Inmaculada V Encontro de Viños da Raia. Degustación de brancos, tintos e espumosos e maridaxes.
  • 12.00 – 14.00h. Na praza da Inmaculada, Xigantes e Cabezudos co grupo de gaitas San Fins de Rebordáns.
  • 12.45 – 13.15h. Na praza da Inmaculada, lectura do Pregón a cargo de Marián Mouriño, Presidenta do Real Club Celta.
  • 18.30 – 20.00h. No Teatro Municipal, VI Gala “Premios Cidade de Tui”.
  • 20.00 – 21.00h. Na Sala de Exposicións, inauguración “TYDE F.C. Un século de historia”.
  • 20.00 – 22.00h. Na Corredoira, actuación da Charanga Cantos Somos.
  • 21.30 – 23.30h. No Espazo Feiral, actuación de Puño Dragón.
  • 00.00 – 02.00h. No Espazo Feiral, actuación de La Fuga.

DOMINGO 5 DE ABRIL

  • 12.00 – 15.30h. e 20.00 – 23.00h. Na praza da Inmaculada V Encontro de Viños da Raia. Degustación de brancos, tintos e espumosos e maridaxes.
  • 12.00 – 14.00h. Na Corredoira, actuación da Charanga A tu Ritmo.
  • 12.30 – 13.30h. Na Corredoira, actuación da Banda de Música Popular de Tui.
  • 17.00 – 19.30h. No Teatro Municipal, Festival Folclórico. Participan Xuntanza (Randufe), Darraia (Tui), Santa Columba (Ribadelouro), San Telmo (Tui), Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), e O Mosteiro (Pexegueiro).
  • 18.00 – 19.00h. Na Corredoira, actuación da Agrupación Musical Atlántida de Matamá, Vigo.
  • 19.00 – 20.00h. Pasarrúas pola Corredoira, Verme Lambón de Barafunda.
  • 19.30 – 21.30h. No Espazo Feiral, actuación de Ñu.
  • 20.00 – 22.00h. Na Corredoira, actuación da Charanga A tu Ritmo.
  • 21.30 – 23.00h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación de The Pileidis.

LUNS 6 DE ABRIL

  • 16.30 – 17.00h. Na Residencia San Telmo, actuación da Coral Ponte das Febres.
  • 18.00 – 19.15h. No Teatro Municipal, concerto familiar de Uxía Lambona e a Banda Molona con “Eih!! Carballeira”.
  • 19.30 – 20.00h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación da CAI con “Ferro e Fío”.

MARTES 7 DE ABRIL

  • 16.30 – 17.00h. Na Residencia Paz e Ben, actuación da Coral San Telmo.
  • 18.00 – 19.15h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, demostración do alumnado da Escola de Danza Paula Cobián.
  • 21.00 – 22.00h. No Teatro Municipal, XVI Semana de Teatro Amador co grupo San Fins de Rebordáns. Estrea de “Ultramarinos Norte”.

MÉRCORES 8 DE ABRIL

  • 16.30 – 17.00h. No Centro de Día Amoralia, actuación da Coral do Centro Sociocomunitario Tui.
  • 18.00 – 19.15h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui – CMUS Tui.
  • 21.00 – 22.20h. No Teatro Municipal, XVI Semana de Teatro Amador co grupo A Insua de Caldelas. Estrea de “Error 404”.

XOVES 9 DE ABRIL

  • 18.00 – 19.15h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui – CMUS Tui.
  • 21.00 – 22.20h. No Teatro Municipal, XVI Semana de Teatro Amador co grupo Aloia de Pazos de Reis. Estrea de “Taxi”

VENRES 10 DE ABRIL

  • 18.00 – 19.15h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación de circo Henriko con “Todotrucazos”.
  • 21.00 – 22.25h. No Teatro Municipal, XVI Semana de Teatro Amador co grupo Xuntanza de Randufe. Estrea de “Tres porquiños”.
  • 21.00 – 22.00h. Na rúa Compostela, actuación de Claxxon.
  • 22.00 – 00.00h. No Espazo Feiral, Foliada.
  • 00.00 – 02.00h. Na rúa Compostela, actuación de Claxxon.

SÁBADO 11 DE ABRIL

  • 10.00 – 13.30h. Dende a Corredoira, saída e chegada da Carreira Popular. Club Atletismo Tui.
  • 12.00 – 14.00h. Na Corredoira, actuación da Charanga Cantos Somos.
  • 16.00 h. En San Bartolomeu, Concentración Cabalar.
  • 18.00 – 19.15h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación de Samuel Moreno con “Etéreo”.
  • 19.00 – 20.00h. Na Corredoira, pasarrúas de Pulpiño Viascón con “A Trikimachín”
  • 22.00 – 01.00h. No Espazo Feiral, actuación de La Banda de Ayer.
  • 21.30 – 23.00h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación de Ola de Calor.
  • 01.00 – 03.00h. No Espazo Feiral, Tui Mix. Apertura con Komojo. Actuación principal El Virtual. Peche Overdose Records DJs con Kaixo, Wabii & Denzo, Xiari.

DOMINGO 12 DE ABRIL

  • 10.00h. En San Bartolomeu, Concentración Cabalar.
  • 12.00 – 14.00h. En San Bartolomeu, actuación da Charanga A tu Ritmo.
  • 12.15 – 12.45h. Dende a Glorieta de Vigo ata a praza de San Fernando, desfile exaltación do traxe tradicional a cargo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui.
  • 12.30 – 13.30h. Na Corredoira, actuación da Banda de Música Municipal de Ribadumia.
  • 18.00 – 19.00h. Na Corredoira, actuación da Banda de Música Popular de Tui.
  • 19.00 – 20.30h. Na Corredoira, pasarrúas de PistaCatro con “Mimo Circus Party”.
  • 19.30 – 21.00h. Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Los Satélites.
  • 20.00 – 22.00h. Na Corredoira, actuación da Charanga Cantos Somos.
  • 21.30 – 23.00h. No Espazo da rúa Camilo José Cela, actuación do grupo The Sibaritas.
  • 22.00 – 23.30h. Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Los Satélites.
  • 23.30 – 02.30h. No Espazo Feiral, actuación de Panorama City.

LUNS 13 DE ABRIL – LUNS DE SAN TELMO (FESTIVO LOCAL)

  • 10.00h. En San Bartolomeu, Concentración Cabalar.
  • 10.30 – 12.00h. Na S.I. Catedral Misa na Honra a San Telmo e Procesión pola Coronilla.
  • 12.30 – 13.30h. Na Corredoira, concerto da Banda Xuvenil de Tui.
  • 18.00 – 20.00h. Na praza da Inmaculada, Xigantes e Cabezudos co grupo de gaitas Lembranzas.
  • 18.00 – 19.00h. No Teatro Municipal, concerto da Banda de Música da Escola Naval Militar Marín.
  • 19.00 – 21.00h. No Espazo Feiral, verbena con París de Noia.
  • 19.15 – 20.00h. Dende a rúa Augusto González Besada ata a praza de San Telmo, entrada concerto da Banda de Guerra e Guión da BRILAT, homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
  • 21.00 – 22.30h. Dende a S.I. Catedral e polas rúas de Tui, solemne Procesión de San Telmo e ofrenda a San Telmo.
  • 22.30 – 23.00h. Dende a praza do Concello ata a praza da Inmaculada, desfile despedida das agrupacións musicais participantes na solemne Procesión de San Telmo.
  • 23.30 – 23.45h. Dende o Paseo Familia Álvarez Blázquez, tirada de Fogos Piromusicais.
  • 00.00 – 01.00h. No Espazo Feiral, verbena con París de Noia.

Hora

Consultar (Domingo)

Localización

Concello de Tui

Está pasando!