'O espazo entre as cousas' en Pontevedra

xov03agoConsultardom29out'O espazo entre as cousas' en PontevedraExposición de Juan Carlos Meana(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A obra de Juan Carlos Meana (Vitoria, 1964-Pontevedra, 2023) supón unha indagación na condición humana: na súa fraxilidade e nas súas esperanzas, na súa intemperie, fracasos e enigmas. Partindo do traballo co obxecto, asumindo aqueles apeiros cotiáns que conteñen a experiencia íntima dos instantes sen historia, ábrese a unha investigación que transita tanto polo debuxo coma pola instalación, a fotografía, a escritura e o vídeo.


Juan Carlos Meana – ”Plan estratégico” | © Museo de Pontevedra

Aborda cuestións coma a memoria, a experiencia e a contemplación, a melancolía ou o desexo; estados e crenzas que marcan unha subxectividade posta permanentemente en crise, pero orientada tamén cara á posibilidade de establecer relacións co mundo. Trátase dunha concepción da arte como tentativa de coñecemento e, ao tempo, como unha experiencia de transformación.


Juan Carlos Meana – ‘Así en la tierra como en el cielo’ | © Museo de Pontevedra

Nesta exposición -concibida como unha homenaxe ao creador recentemente falecido- realízase un percorrido polas diversas etapas e temáticas que abordou o artista e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Comezando polo seu cuestionamento permanente do estatuto e sentido da obra de arte, entendida como unha proxección da intimidade do suxeito creador, e mesmo da función do propio taller do artista en todo este proceso de forte carácter existencial. O espazo da arte, alí onde este se xesta, ha de ser visto como un “laboratorio de conflitos”.

Comisario: Alberto Ruiz de Samaniego.

Visitable do 3 de agosto ao 29 de outubro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Hora

Agosto 3 (Xoves) - Outubro 29 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!