Exposición 'Outras historias posibles', en Pontevedra

ven04abrConsultarsáb31maiExposición 'Outras historias posibles', en Pontevedra traballo de seis destacadas artistas nadas na década dos 50(Consultar) Café Moderno Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

‘Outras historias posibles’ presenta o traballo de seis destacadas artistas nadas na década dos 50, con fortes vencellos a Galicia, no persoal coma nas súas carreiras profesionais.

Elas son Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, mulleres cunha especial presenza na arte dos 80, grazas á súa innovadora visión.

Esta exposición, coorganizada coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, explora desde o Café Moderno Afundación Pontevedra as súas creacións e descúbrenos como o seu legado influíu na arte contemporánea, ofrecendo novas perspectivas e reivindicando o seu espazo na historia.

Coñece a súa obra nas salas de mostras do Café Moderno, do 4 de abril ao 31 de maio de 2025. Horario: Luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas. Sábados, de 11.00 a 14.00 e 17.30 a 20.30 horas. Domingos e festivos, pechado.

Celebramos o talento, a dedicación e a creatividade destas seis mulleres que deixaron unha pegada imborrable no mundo da arte.

Exposición ‘Outras historias posibles’ | Afundación

Comisaria | Susana Cendán

‘Outras historias posibles’ chega a Pontevedra no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura e despois de ser exhibida no Museo Centro Gaiás, onde recibiu máis de 50.000 visitantes.

Así, a mostra recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente.

Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Branca Silva e Laura Terré non forman parte dun todo xeracional, as súas propostas son esteticamente dispares, algunhas teñen estudos académicos e outras non, e o feito de nacer na mesma década non constitúe ningún intento de unificar a diversidade de obras que se mostran.

Exposición ‘Outras historias posibles’ | Afundación

Máis aló de ofrecer unha listaxe de mulleres artistas baseado na recuperación de nomes, a historia que nos apetece contar mostra realidades que permaneceron ocultas, achegando significados descoñecidos sobre un conxunto de artistas extraordinarias; artistas que aman, paren, sofren, enferman, crían, cociñan, limpan, forman parte de proxectos expositivos, tocan instrumentos musicais, investigan, escriben e len poesía, esculpen, debuxan, pintan, gravan, experimentan e, en definitiva, crean.

Para proporcionar unha visión integral das súas respectivas historias, tivemos en conta aspectos que abarcan o cotián, o privado, o que comunmente se adoita silenciar. Pero o que de verdade motivou a articulación deste proxecto foi, sobre todo, celebrar. Compartir o talento dun grupo de artistas capaces de crear unha obra persoal, complexa e diversa, tanto formal como conceptualmente, e situala no lugar que lle corresponde.

DIDÁCTICA

  • INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita-conto con taller | «Creadoras de fantasía»
  • 5º PRIMARIA a 2º ESO | Visita-investigación con taller | «Descubrindo realidades ocultas»
  • 3º ESO a BACH e C.F. | Visita guiada con taller opcional | «Outras historias posibles»

Prezo: 2 euros por participante. Máis información e reservas a través de areaeducativapontevedra@afundacion.org ou no 986 333 210.

Exposición coorganizada por Afundación e a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Hora

Abril 4 (Venres) - Maio 31 (Sábado)

Localización

Café Moderno Afundación

Praza de San Xosé, 3 36001 Pontevedra

Está pasando!