Exposición 'Pinturas negras' en Pontevedra

ven21febConsultardom06abrExposición 'Pinturas negras' en PontevedraMuseo de Pontevedra(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

‘Pinturas negras’ mostra obras de diversas disciplinas nas que a cor negra é protagonista. Tomando como referencia a serie de Goya, preténdese aludir ás diversas posibilidades formais e simbólicas do negro, entendido como negación da cor, como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como raza, como cegueira, como abismo, como espazo infinito, como morte.

Tamén se intenta sinalar o vínculo destes traballos coa escuridade de certa pintura española; non no sentido de que repliquen esquemas formais ou técnicas tradicionais, senón da súa capacidade para conectar ou dialogar cunha cultura do dramático e do expresivo: a escuridade de Ribera, Goya, Lucas Velázquez, Solana, María Blanchard, Ángeles Santos, Maruja Mallo; de Manolo Millares, Antonio Saura, Amalia Avia, Lucio Muñoz, Laxeiro; de Nati Bermejo, Enrique Marty, Marina Núñez, Abigail Lazkoz.

Igual que na contemporaneidade os límites entre xéneros artísticos disólvense, estas pinturas negras, feitas con medios diferentes, fúndense no espazo expositivo.



Esta exposición continúa a serie iniciada con ‘De mestras e mestrados’, que proseguiu con ‘Campo de sementes I’ e ‘Campo de Sementes II’, para amosar o traballo de artistas vinculadas e vinculados á Facultade de Bellas Artes de Pontevedra, tanto por ser docentes coma por graduarse neste centro.

Tamén o equipo comisarial mantén estes lazos: Sandra MG é graduada e na actualidade está preparando a súa tese de doutoramento nesta facultade, onde Ignacio Pérez-Jofre é, desde hai trinta anos, profesor.

Esta edición aposta polas novas xeracións e inclúe o traballo dun número significativamente maior de artistas graduadas.

A mostra poderase ver no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 6 de abril e reúne unha selección de obras de Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa. 

Hora

Febreiro 21 (Venres) - Abril 6 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!