Festa do Mar 2024 | Concello de Poio

This is a repeating event

Festa do Mar de Combarro 2025

sáb30agoConsultarFesta do Mar de Combarro 2025do 28 ao 31 de agosto de 2025(Consultar: sábado) Praza da Chousa, Combarro - Poio

Detalles do Evento

Cun enfoque integrador que une tradición, sustentabilidade e dinamización cultural, a programación deste ano da Festa do Mar de Combarro, que se celebrará do 28 ao 31 de agosto, incluirá concertos de primeiro nivel, exposicións temáticas sobre o mar, cine do mar, foodtracks, vermús mariñeiros e propostas para o público infantil.

A programación estruturase en tres bloques na Praza da Chousa: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais.

Con respecto ao gastronómico, inclúese a degustación de produtos do mar nas foodtrucks ‘Galicia sabe Amar’, da Consellería do Mar, e con actuacións musicais durante a sesión vermú o venres, sábado e domingo, con La Mmarca, Víctor Manuel Movilla e Miguel Barroso Cerqueira, “e todas as persoas que decidan quedarse a comer poderán facelo nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai nesta parroquia, onde poden consumir produtos do mar da máxima calidade”, sinalou Moldes.

Na carpa museo, que estará aberta todos os días desde as 12.00 horas, poderanse visitar exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por veciños, fotografías antigas seleccionadas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo ou a exposición fotográfica “No centro do Mar”, coa colaboración de Cultumar.

Ademais, nesta ocasión tamén se inclúe o ciclo cinematográfico “Cine do Mar”, en colaboración coa Asociación Museo do Mar de Marín, con proxeccións diarias de curtas ás 12.30 horas.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, para a que se estima que participen máis de trinta embarcacións.

PROPOSTAS PARA PÚBLICO INFANTIL, CANCIÓN MARIÑEIRA E CONCERTOS GRATUÍTOS

A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con concertos gratuítos para todos os públicos. O xoves 28, inaugurará os concertos La Ocaband co seu musical “A historia da verbena”, ás 21.00 horas, e posteriormente será quenda do Grupo América.

O venres será quenda de Miss Caffeína, banda de pop electrónico alternativo, con directos moi enérxicos que se converteron en indispensables no calendario dos festivais máis importantes do país (23.30 horas). Un concerto que se completará coa sesión do DJ local Jorge Álvarez.

Xa o sábado, Natalia e Coti subirán ao escenario da Praza da Chousa, (desde as 22.45 horas) onde tamén actuará o DJ local Arroww ao inicio e final da gala.

Coñecida polo seu paso por Operación Triunfo e cunha carreira chea de éxitos: 5 discos, 2 de ouro, 1 de platino e máis de 500.000 copias vendidas, Natalia traerá a Combarro clásicos como “Vas a volverme loca”, “Besa mi piel” ou “Loco por mí” e temas máis actuais que farán vibrar ao público.

Pola súa banda, o cantautor arxentino Coti, recoñecido a nivel internacional por temas como “Antes de ver el sol”, “Nada fue un error” ou “Otra vez”, incluirá Poio como unha das paradas na súa xira europea, que o levará tamén por cidades como Londres, Dublín e Ámsterdam.

O domingo será quenda do espectáculo musical ‘Pop Rock Symphony Fusion’ (22.00 horas).

Para o público infantil tamén se inclúen propostas como o espectáculo ‘Os Piñeiriños’, o xoves ás 20.00 horas, ou sesión de maxia con Samuel Moreno, o sábado ás 19.30 horas.

O certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Son das Corbacerias, Adelaidas, Os Chispas do Lérez, Pontis Veteris, As Abeleiras, ademais das actuacións de Máis Cantos e Vides Novas.

Hora

Consultar (Sábado)

Localización

Praza da Chousa, Combarro

Praza da Chousa, s/n 36994 Combarro

Está pasando!