‘Grandma’, mostra de María X. Fernández en Vigo

lun20novConsultarmér10xan‘Grandma’, mostra de María X. Fernández en VigoComisariada por Elena Bangueses(Consultar) Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación en Vigo - Vigo

Detalles do Evento

A mostra ‘Grandma’, da artista visual María X. Fernández, abrirá as súas portas o martes 21 de novembro ás 19:00 horas na Sala Maruja Mallo da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra e poderá visitarse ata o 10 de xaneiro de 2024.

A mostra, que está aberta a toda a cidadanía e é de acceso gratuíto, está comisariada por Elena Bangueses e xira arredor da confrontación do traballo pautado e dirixido co traballo libre e coa creatividade. A artista, manipulando o papel extraído de exemplares da revista Labores del Hogar, coleccionadas pola súa nai desde os anos setenta, desata unha reflexión visual e conceptual sobre as relacións entre a creatividade feminina, a opresión cultural e a necesidade de liberación artística.



Así, na instalación artística María X. Fernández intervén nos papeis de padróns de bordado destas revistas, que xeralmente interpretan motivos naturais ou obxectos domésticos dun xeito ríxido, para converter estruturas orgánicas en formas esquemáticas e cuadriculadas. De feito, as formas dos padróns de punto de cruz semellan imaxes pixeladas e nesta mostra a artista viguesa busca esta xeometría para reinterpretala dun xeito libre.

As intervencións compleméntanse con estruturas que medran dun xeito orgánico, visceral e instintivo, inutilizando as revistas, bloqueando toda a información que conteñen para convertelas en materia prima, en textura e en cor. O título da proposta é, ademais, unha homenaxe a Louise Bourgeois e á súa serie Mamán.



María X. Fernández é unha artista visual nada en Vigo que transita con liberdade entre diferentes medios cun carácter experimental. De maneira autodidacta, desde o seu inicio desenvolve o seu traballo nas lindes entre a escultura, a pintura e a instalación in situ. Nos seus traballos máis recentes céntrase no ser humano, tanto no aspecto individual coma social, especialmente no xénero, e incide nas formas de dominación e violencia.

A conciencia ecolóxica penetra en todos os proxectos de xeito transversal. Pola súa banda, Elena Bangueses, a comisaria da mostra, é historiadora da arte pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un máster en Xestión Cultural pola City University of London, no Reino Unido.

Traballou durante sete anos como xerente na Galería Saatchi de Londres e actualmente desenvolve o seu labor como comisaria e xestora cultural independente.


Hora

Novembro 20 (Luns) - Xaneiro 10 (Mércores)

Localización

Sala Maruja Mallo. Sede da Deputación en Vigo

Está pasando!