Pista de pump track de Paredes | Concello de Vilaboa

Inauguración da pista de pump track de Vilaboa

dom08mar12:00Inauguración da pista de pump track de Vilaboaxornada con exhibicións, música e talleres12:00 Canteira de Paredes - Vilaboa

Detalles do Evento

Vilaboa ultima os preparativos para a inauguración oficial da nova pista de pump track de Paredes, unha infraestrutura chamada a converterse nun referente deportivo e de lecer na comarca.

O acto terá lugar este domingo ás 12.00 horas na contorna da Canteira, en Paredes, e supón a apertura dun espazo pensado para a práctica segura e divertida de modalidades como bicicleta, monopatín, patíns ou patinete, ademais de servir como punto de encontro para a mocidade e as familias.

A xornada inaugural contará coa presenza de dúas figuras destacadas do pump track galego: Paula Rodríguez, campiona de Galicia e do Open de España PT 2025, e Iván García, campión de Galicia e do Open de Galicia PT 2025. Ambos realizarán exhibicións que permitirán ver a pista en pleno rendemento e mostrarán o potencial desta disciplina, cada vez máis estendida entre a mocidade.

Ademais, haberá música, demostracións en directo e un obradoiro de aprendizaxe dirixido aos nenos e nenas de Vilaboa, que poderán iniciarse na técnica acompañados por profesionais e polo Club Ciclista Val do Ulló.

A nova pump track representa un paso máis na aposta de Vilaboa por crear espazos públicos de calidade, fomentar hábitos saudables e ofrecer alternativas de ocio ao aire libre. A súa localización en Paredes, nunha zona xa consolidada como punto de encontro veciñal, reforza o carácter integrador da instalación e contribúe a dinamizar a vida social e deportiva do municipio.

A obra, impulsada polo Concello de Vilaboa coa colaboración da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento significativo de arredor dos 163.325 euros nunha pista distribuída nun circuíto continuo de ondas, peraltes e trazados enlazados que permiten rodar sen pedalear, aproveitando a inercia e o movemento corporal.

A pista está deseñada para todos os niveis, desde iniciación ata usuarios avanzados, e cumpre cos estándares actuais de seguridade e accesibilidade.

O Concello anima a toda a veciñanza a achegarse este domingo, con bicicleta, monopatín, patíns ou patinete, para celebrar a posta en marcha dunha infraestrutura que chega para quedar e que aspira a converterse nun símbolo da vitalidade e do dinamismo de Vilaboa.

Hora

(Domingo) 12:00

Localización

Canteira de Paredes

Paredes, Vilaboa

Está pasando!