IX Certame Enreguéifate

lun12xanConsultarven06marIX Certame Enreguéifate‘Versos doutro universo’(Consultar) Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo -

Detalles do Evento

Do 12 de xaneiro ao 6 de marzo estará aberto o prazo de inscrición no certame de regueifas en vídeo do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, centrado na divulgación e posta en valor da improvisación oral en verso en lingua galega.

Para participar é preciso enviar un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando sobre un tema libre.

A inscripción deberá realizarse a través de enregueifate.gal, onde tamén poden consultarse as bases completas do certame.

Baixo o lema ‘Versos doutro universo’, a novena edición do certame contará novamente con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios.

Como en edicións anteriores, en cada categoría outorgaranse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.

A participación no certame foi promovida entre a mocidade a través das actividades formativas desenvolvidas nos centros educativos polos formadores e formadoras do Enreguéifate: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo.

O alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO tivo así a oportunidade de achegarse aos xéneros de improvisación oral en verso, como ferramenta para fomentar o uso do galego e contribuír á súa normalización no eido educativo e cultural, no camiño de manter viva a nosa lingua entre as novas xeracións.

Así, o proxecto pechou o primeiro trimestre escolar con medio cento de obradoiros de improvisación oral realizados nunha vintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, coa previsión de desenvolver outros tantos obradoiros entre este mes de xaneiro e febreiro de 2026.

Hora

Xaneiro 12 (Luns) - Marzo 6 (Venres)

Localización

Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo

Está pasando!