'LGx15. Ideas para o futuro da lingua' en Pontevedra

sáb28out19:00'LGx15. Ideas para o futuro da lingua' en PontevedraProxecto de difusión de ideas para o futuro da lingua galega19:00 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A novena edición do ‘LGx15. Ideas para o futuro da lingua’, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 28 de outubro, a partir das 19.00 horas.

O LGx15 confígurase como un evento que xunta diversas charlas breves, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma galego, a través tamén da música e humor.

As persoas convidadas á novena edición do LGx15 son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para falarnos da situación lingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen nos relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen nos fará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen nos explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen nos fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube).


Presentación da novena edición do LGx15 | © Concello de Pontevedra

Conducirá o evento a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén nos explicará as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua. E contaremos coa actuación musical de Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.

O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada (no web do LGx15 ou en Eventbrite) e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles.

Hora

(Sábado) 19:00

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!