‘Os dous de sempre’ | Mofa & Befa

Mofa & Befa presenta 'Os dous de sempre' en Vilagarcía

sáb07feb20:00Mofa & Befa presenta 'Os dous de sempre' en Vilagarcíaciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios20:00 Auditorio Municipal de Vilagarcía - Vilagarcía de Arousa

Detalles do Evento

O ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios estréase o sábado 7 de febreiro, ás 20:00 horas, co espectáculo ‘Os dous de sempre’, na que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa & Befa) e Josito Porto, dan vida aos personaxes Pedriño e Rañolas, creados por Castelao, baixo a dirección de Quico Cadaval.

Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece en outras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco.

Pedriño e Rañolas entran neste selecto clube, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarias e que Castelao admirou co compasivo humor.

Os pallasos son criaturas feitas de mesturar un tolo e un neno. Para facer un bufón fai falta, ademais, un animal, o animal que todos levamos dentro. Nenos, Tolos e Animais compoñen o rico universo humorístico de Castelao, o seu retábulo da risa absoluta, da comedia humana do pobo galego.

Mofa & Befa vai meter todo este universo humorístico nas figuras de Pedriño e Rañolas.

‘Os dous de sempre’ son como irmáns siameses, un corpo que se escinde polo bisturí do doutor Castelao, e que andan os dous polo mundo, incompletos, tentando reencontrarse e conformar de novo un corpo único, harmónico, no que unha parte rouba mazás, e outra, cómeas.

Espectáculo para público a partir de 13 anos, cunha duración estimada de 100 minutos (sen descanso).

Como todas as actuacións organizadas a través da colaboración entre o Concello de Vilagarcía e Agadic, as localidades teñen un prezo reducido de 5 euros. Ademais, hai entradas bonificadas a 3 euros para titulares do Carné Xove e persoas desempregadas.

Os billetes xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com (máis gastos de xestión) e, de non esgotarse antes, o mesmo día das funcións, no Auditorio.

Hora

(Sábado) 20:00

Localización

Auditorio Municipal de Vilagarcía

Av. da Mariña, s/n, 36600 Vilagarcía de Arousa

Está pasando!