This is a repeating event

Nadal Bueu 2024

sun15decAll DayNadal Bueu 2024do 7 de decembro de 2024 ao 7 de xaneiro de 2025(All Day: sunday) Concello de Bueu - Bueu

Event Details

O Concello de Bueu presenta unha programación ampla e variada para este Nadal, moi centrada nas familias e nos eventos para compartir as festas entre a cativada e as persoas maiores, e con propostas culturais e deportivas das que se poderá gozar do 7 de decembro ao 7 de xaneiro.

O cartel deste ano está deseñado polo veciño Iago Comedeiro, e nel incídese na temática mariñeira.

O pistoletazo de saída será o xoves 5, previo á ponte, co acendido das luces de Nadal no Parque Ramal dos Galos, que será un dos espazos a revitalizar e que acollerá a partir das 18.30 horas un acto simbólico con chocolate para as persoas asistentes.

Entre as actividades para o Nadal atópanse espectáculos de maxia, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, deporte e moito máis. Todas elas concentraranse maiormente na carpa de As Lagoas, pero tamén no Centro Social do Mar e outros espazos das parroquias.



ACTIVIDADES PARA A CATIVADA

O público máis cativo será un dos grandes protagonistas da programación para estas datas, con propostas como actuacións de maxia, contacontos, cinema ou obradoiros artísticos. A través delas preténdese ofrecer alternativas de lecer para gozar destas datas en familia, e nos diversos espazos das tres parroquias.

A Biblioteca Municipal Torrente Ballester acollerá o sábado, 7 de decembro, ás 13:00 horas a presentación do xogo “Tes terras?”, creado polos veciños bueueses Pedro Meira e Paula Pastoriza.

Na mesma biblioteca, o 12 de decembro ás 17:00 horas desenvolverase “Arrolar”, unha actividade da Fundación Legar que xirará arredor dos arrolos, nanas ou cantigas de berce, e que busca reforzar o vínculo afectivo entre as crianzas máis pequechas e as persoas adultas.

O sábado 14, a Libraría Abrente programará no Estaleiro de Purro co “Universo de contos” coa temática de Nadal, do que se poderá gozar ás 12:00 horas. Os contos continuarán o xoves 19 na Biblioteca Municipal de Beluso con “As aventuras de Didi”.

O luns 23 terá lugar no Centro Social do Mar ás 19.00 horas o espectáculo “Pipí Cucú” da compañía Assircópatas, unha proposta na que se fala da revolución dos soños e dos pesadelos. O venres 27, ás 18.00 horas, virá á Casa da Aldea de Meiro o espectáculo “O Apalpador e os monifates”, no que atopamos a dous músicos ambulantes, sempre de vila en vila, e agasallando música para toda a xente.

Os espectáculos de maxia tamén serán protagonistas, concretamente co Mago Paco, o luns 30 de decembro ás 19:00 horas na carpa de As Lagoas, e o 2 de xaneiro, con Henriko – O feiticeiro no mesmo espazo e á mesma hora.

O programa inclúe unha sesión de cinema familiar, da que se poderá gozar o 26 de decembro a partir das 18:00 horas no Centro Social do Mar, cos filmes “Polar Express” e “Medianoche en el jardín del bien y del mal”.

Pola mañás do 21, 23 e 24 de decembro, o artista local Tino Resille impartirá entre as 11:00 e as 13:00 horas uns obradoiros de Nadal na carpa, no que os nenos e nenas de 7 a 12 anos farán diversas actividades artísticas e de decoración para estas datas.

Peter Punk voltará a Bueu o 31 de decembro para despedir coa cativada o ano, a través das “Badaladas miúdas” que gozaron de moito éxito nos anos previos. A actividade será ás 11.30 horas na carpa.

Xa a comezos de ano, o 3 de xaneiro será a tradicional xincana infantil organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU) na carpa a partir das 17:00 horas. E o 4 de xaneiro, a Biblioteca Municipal de Cela acollerá ás 11:00 horas un obradoiro de Nadal co artista bueués Marc Taeger.

A MÚSICA E OS FESTIVAIS DE NADAL

O Nadal sempre é unha época na que a música soa por todos os recunchos, e na que moitos colectivos organizan os diversos festivais.

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá o domingo, 8 de decembro, ás 20.30 horas, “Unha noite na eira do trigo” de La Oca Band. Trátase dun musical baseado no poema de Curros Enríquez e coñecido popularmente grazas á cantiga do grupo Los Tamara. A orquestra La Oca Band realizou a banda sonora e en pantalla participan actores coñecidos como Manuel Manquiña e Pepe Suevos.

En Bueu, as rúas estarán amenizadas con música tradicional o 28 de decembro, con Cantos de taberna de Peis D’ Hos, e o domingo 29, coa Rondalla de Zamáns. Así mesmo, dende Retrouso de Cela seguen coa recuperación do Bando de Nadal o 24 e o 25 de decembro polas rúas da parroquia de Cela.

E en canto aos festivais, o 14 de decembro ás 19.30 horas será o de “Xa chega o Nadal” da Coral Polifónica de Bueu, e o Festival Encanto da Coral Polifónica de Beluso na Igrexa Parroquial de Beluso. O sábado 21, a Igrexa Parroquial de Cela acolle un concerto do Coro de Cela ás 19.30 horas, e a Banda de Música Artística de Bueu, ofrece outro ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.

O sábado 28 será ás 20:00 horas o Festival Solidario da Asociación Española Contra o Cancro, e tamén a festa de Amodiño no Pavillón de Bueu, e o 4 de xaneiro, á mesma hora, poderase gozar dun concerto de gospel, ambos no Centro Social do Mar.

O 14 de decembro haberá unha festa – baile en lembranza da mítica Sala Paraíso, que se celebrará na carpa de As Lagoas.

Ademais, na madrugada do 31 de decembro, a orquestra Distrito 7 estará na carpa de As Lagoas para despedir o ano e darlle a benvida ao 2025.

E xa en Reis, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a tradicional Romaría de Reis, na que actuarán o grupo Os Liboreiros e se degustará roscón con chocolate, ademais de celebrarse a misa.

VISITAS DO APALPADOR, PAPÁ NOEL E REIS MAGOS

Como cada ano, os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos.

Papá Noel estará na carpa de Nadal situada no aparcadoiro de As Lagoas o 24 de decembro entre as 16.00 e as 19.00 horas; mentres que o Apalpador virá o xoves 26 ás 11:00 horas. Pola súa banda, o 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 11.00 horas ao peirao nas embarcacións tradicionais, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, e recibirán logo aos nenos e nenas na carpa. Pola tarde, en torno ás 17.00 horas, sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano.

O DEPORTE, TAMÉN PROTAGONISTA

O Nadal tamén é momento de actividades deportivas para compartir entre a cativada e as persoas adultas. Así, organizaranse dous torneos de xadrez co Club de Xadrez de Bueu: un deles irá destinado aos pequenos e pequenas e desenvolverase o 21 de decembro ás 17:00 horas na Piscina Municipal de Bueu, e o outro, para adultos, será o sábado 28 no mesmo espazo e á mesma hora.

O 29 de decembro, o Club de Atletismo Galaicas organiza a Carreira San Silvestre “Bye bye 2024”, que constará de andaina de 1,5 quilómetros e carreira de 2,5 quilómetros polas rúas da vila. As probas sairán ás 17.30 horas na contorna da carpa, e previamente haberá xincana infantil e moitas máis actividades, ademais de agasallos para todas as persoas participantes.

O Concello organiza tamén dous torneos de fútbol sala en formato 3×3. Serán o 3 de xaneiro ás 16.30 horas na multipista de As Lagoas para os nenos e nenas; mentres que ao día seguinte, ás 11:00 horas, desenvolverase o das persoas adultas.

E como cada ano, o 6 de xaneiro, Día de Reis, o Pavillón Municipal de Beluso acolle a partir das 16:00 horas un campionato aberto de billarda.

OUTRAS ACTIVIDADES

O 7 de decembro, o Club Moteiros do Morrazo organiza a partir das 17:00 horas unha chocolatada moteira con diversas actividades na carpa.

Como xa é habitual, os colectivos de alfombristas da vila elaborarán tapices florais para estas datas. A Asociación Cunchas e Flores inaugurará unha alfombra vertical o martes 17 de decembro ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, mentres que a da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu se poderá ver dende o venres 20, ás 20.00 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa.

Así mesmo tamén haberá actos literarios da Libraría Miranda, como a presentación do libro ‘Punto e coma’ do marinense Aarón Franco o 13 de decembro na biblioteca, e as sinaturas de exemplares de ‘O Bichero’ de Luís Davila o sábado 14, a partir das 11:00 horas na propia libraría.

O Cineclub pecha a programación de Nadal coa película “Perfect Days” o venres 13 de decembro ás 21:00 horas no Centro Social do Mar.

O 21 de decembro, o Pavillón de Beluso acollerá entre as 11:00 e as 20:00 horas un mercado de Nadal organizado por Asbel, Novos Ventos e Asociación Cultural de Sanamedio.

II CONCURSO DE DECORACIÓN DE NADAL

O Concello de Bueu pon en marcha por segundo ano consecutivo o II Concurso de Decoración de Nadal ‘Bueu, sente o Nadal’, co que se pretende dinamizar a participación veciñal ao mesmo tempo que se reforza o ambiente festivo da vila nestas datas. Con este certame, o Concello busca premiar as mellores propostas de ornamentación de Nadal de vivendas, fachadas, balcóns, rúas, prazas ou escaparates comerciais. Así mesmo, con el tamén se dinamizará o comercio local, pois repartiranse 1.500 euros en bonos comercio segundo as diversas categorías.

O prazo para a participación estenderase dende o 9 de decembro ao 7 de xaneiro, e estableceranse varios premios divididos en tres categorías, sumando un total de 1.500 euros. Así, haberá unha categoría individual, na que estarán incluídas as fachadas de vivendas individuais, balcóns, fiestras ou xardíns, con premios de 200, 100 e 50 euros en bonos comercio; outra categoría colectiva para asociacións e comunidades veciñais, na que poderán participar fachadas de edificios, espazos como rúas, prazas, e nas que tamén se inclúen as asociacións que decoren os locais municipais nos que realizan habitualmente as súas actividades, con premios de 300, 200 e 100 euros; e a última, de escaparates comerciais e hostalaría, na que se incluirán os escaparates exteriores de establecementos e hostalaría, e cuxos premios serán de 300, 150 e 100 euros.

Todos eses premios serán, a diferenza do ano pasado, para comprar no comercio local, co obxectivo de fomentar o consumo na vila.

A decoración utilizada terá que ver con motivos o Nadal, con liberdade da técnica empregada, aínda que non se poderán utilizar aquelas que causen perigos. As persoas ou entidades que desexen inscribirse deberán enviar un correo electrónico a cultura@concellodebueu.gal, indicando datos da persoa participante, fotografías da decoración, número de teléfono de contacto, enderezo da instalación e categoría na que participa.

Posteriormente será un xurado conformado por entre tres a cinco persoas o que valore as decoracións segundo criterios de orixinalidade e deseño, a iluminación, os materiais reciclables empregados, a temática e o fomento dos valores locais. As propostas gañadoras daranse a coñecer despois do 7 de xaneiro.

Toda a programación ampliada poderase ver en concellodebueu.gal e nas redes sociais.


Time

All Day (Sunday)

Location

Concello de Bueu

Está pasando!