Proxección de 'A Calumnia' en Pontevedra

mar26nov20:30Proxección de 'A Calumnia' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 26 de novembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A Calumnia’ (The Children’s Hour, William Wyler, 1961, EE UU, 107 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Karen (Audrey Hepburn) e Martha (Shirley MacLaine) son dúas boas amigas que dirixen xuntas unha exclusiva escola para rapazas. Unha das súas alumnas, unha nena mimada e consentida pola súa avoa millonaria, escoita por casualidade un comentario sobre as súas mestras e, depechada por un castigo que recibiu, utilízao, distorsionándoo, para atacalas. Os escandalosos rumores esténdense axiña pola comunidade escolar, con repercusións inmediatas e devastadoras.

Adaptación da obra teatral homónima de Lillian Hellman, que xa fora levada á pantalla por Wyler en 1936 cunha trama deturpada por mor do código Hays. Vinte e cinco anos despois, cun elenco de luxo, Wyler faille xustiza á obra teatral e crea un filme que pasará á historia do cinema lésbico norteamericano.



Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro a un dos máis grandes e populares directores de cinema clásico de Hollywood: William Wyler (1902 -1981). Wyler, que soubo coma ninguén ensamblar o comercial e o artístico, foi un referente na experimentación coa profundidade de campo e tamén na adaptación de textos literarios ao cinema.

Proxectaranse tres obras icónicas do director, nas que dirixiu con mestría estrelas do talle de Bette Davis (A Loba), Olivia de Havilland (A herdeira) ou Audrey Hepburn e Shirley MacLaine (A calumnia), e nas que adapta obras da dramaturga Lillian Hellman (A loba, A calumnia) e de Henry James (A herdeira).

Pola súa banda, as sesións de filmoteca dos luns terán tamén unha forte compoñente literaria. Trátase de cadansúa aproximación de carácter documental a dúas importantes figuras literarias: Annie Ernaux, a gañadora do Nobel de Literatura en 2022 e unha das máis recoñecidas escritoras contemporáneas, que asina xunta o seu fillo David Os anos Super 8; e o estadounidense Wallace Stevens (1879-1955), figura fundamental da poesía en lingua inglesa do século XX, arredor da que orbita a hipnótica A Foreign Song, asinada polo cineasta galego César Souto.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!