Fotograma de ‘Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’

Proxección de 'Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’ en Pontevedra

xov05xuñ19:00Proxección de 'Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’ en PontevedraCICLO ‘CINE, ARTE E GUERRA’19:00 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Dentro do ciclo ‘Cine, Arte e Guerra’ da Bienal de Pontevedra, o xoves 5 de xuño, ás 19:00 horas, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, acolle a proxección do filme ‘Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’, de Claudio Poli (Italia, Francia e Alemaña, 2018, 94’, Cor).

1937. O aparato nazi planea e executa o seu ataque contra unha arte que cualifica como “dexenerada”. A obra de mestres coma Picasso, Matisse, Chagall, Monet e outros é expropiada con fins supostamente “profilácticos”.

CICLO ‘CINE, ARTE E GUERRA’

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, participa na posta en marcha do ciclo ‘Cine, Arte e Guerra’, unha das actividades paralelas da 32ª Bienal de Pontevedra, a través da súa sección expandida Fóra de Campo.

Conformado por seis sesións, o ciclo combina xéneros (ficción, documental e animación) e formatos (longametraxes e mediometraxes), cunha coidada selección que busca reflectir a diversidade xeográfica e histórica do cinema que ten abordado o fenómeno bélico. Desde a mirada documental máis comprometida ata o simbolismo poético da animación, os filmes afondan en temas como o trauma, a memoria, a represión, a resistencia, o espolio artístico ou a devastación do territorio.

Inspirado polo adagio latino ‘Dulce bellum inexpertis’, que Erasmo de Rotterdam popularizou para lembrar que só quen non coñece a guerra a pode idealizar, o programa propón unha ollada crítica sobre a guerra como realidade transhistórica e transxeográfica, presente en todas as civilizacións e épocas, e tamén sobre o cinema como ferramenta para pensar, sentir e cuestionar esa realidade.

Entre as obras programadas destacan Jan Němec, Claudio Poli, Jean-Pierre Melville ou Peter Watkins, e títulos senlleiros na traxectoria de directores emblemáticos como Lionel Rogosin ou Hayao Miyazaki, entre outros.

O ciclo arranca o próximo xoves 29 de maio ás 23:00 horas coa proxección de ‘Diamantes da noite’ (1964), do cineasta checoslovaco Jan Němec, no xardín do Palacete das Mendoza.

As sesións continuarán durante os meses de xuño e xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, sempre ás 19:00 horas, agás a inaugural:

  • 5 de xuño: ‘Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’, de Claudio Poli (2018)
  • 12 de xuño: ‘Bos tempos, marabillosos tempos’ (1965) e ‘Diálogo árabe-israelí’ (1974), de Lionel Rogosin
  • 3 de xullo: ‘O silencio do mar’, de Jean-Pierre Melville (1949)
  • 9 de xullo: ‘Nausicaä do Val do Vento’, de Hayao Miyazaki (1984)
  • 17 de xullo: ‘Culloden’ (1964) e ‘O xogo da guerra’ (1965), de Peter Watkins

Esta proposta forma parte de Fóra de Campo, a liña de programación de Novos Cinemas que expande o espírito do festival máis alá das súas datas oficiais. Trátase dun ámbito desde o que se impulsa a colaboración con outras iniciativas culturais e se fomenta o diálogo do cinema co presente e co territorio.

A programación insírese na Bienal de Pontevedra 2025, que se celebrará do 21 de xuño ao 30 de setembro baixo o lema ‘Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais’, reunindo a 60 artistas de 28 nacionalidades arredor da creación contemporánea como vía para afrontar os conflitos e imaxinar futuros posibles.

Hora

(Xoves) 19:00

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!