Proxección de 'Que Foi de Baby Jane?' en Pontevedra

mér22mar19:00mér22:00Proxección de 'Que Foi de Baby Jane?' en PontevedraII Ciclo de Cine e Saúde Mental 'O oficio de vivir' 19:00 - 22:00 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

A principios de 2020, tan só unhas semanas antes de que o Goberno declarase o estado de alarma por mor da pandemia da Covid-19, a Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra (naquel entón encabezada pola parlamentaria socialista Paloma Castro), desenvolveu o I Ciclo de Cine e Saúde Mental de Pontevedra.

Tres anos despois, nun contexto no que este escuro período de illamentos puxo precisamente no foco a importancia de abordar o benestar psíquico e semella que tomou o relevo unha epidemia de patoloxías mentais, o concelleiro Marcos Rey, en colaboración coa firma Taller Abierto, decidiu retomar este proxecto nunha segunda edición na que, novamente baixo o título ‘O oficio de vivir’, amosarase o espectro emocional e psíquico do ser humano a través do cine.



O ciclo desenvolverase no Teatro Principal en catro sesións con entrada de balde (ata completar aforo), en horario de 19:00 a 22:00 horas, e contempla os seguintes pases e datas:

  • Xoves 16 de febreiro: ‘Amorodos Salvaxes’ (1957, Ingmar Bergman)
  • Xoves 23 de febreiro: ‘Os Tenenbaums. Unha familia de xenios’ (2001, Wes Anderson)
  • Mércores 15 de marzo: ‘O Servente’ (1963, Joseph Losey)
  • Mércores 22 de marzo: ‘Que Foi de Baby Jane?’ (1962, Robert Aldrich)

Cada unha das sesións incluirá unha presentación e posta en contexto do filme a cargo do experto Suso Novás, a proxección da película e unha quenda de preguntas e coloquio final, onde a doutora Julia Fraga, especialista en Psiquiatría, exporá as súas reflexións sobre o filme.

O II Ciclo de Cine e Saúde Mental de Pontevedra foi presentado ns mañá do mércores 8 de febreiro no Concello nun acto no que participaron o propio Suso Novás; as responsables de Taller Abierto, África Martínez e Ana Barreiro, e o concelleiro socialista Marcos Rey, quen asegurou que “entre os obxectivos desta iniciativa inclúese o de recoñecer a capacidade e os mecanismos que o cinema emprega para reflectir o espectro emocional e psíquico do ser humano e, deste xeito, alterar tamén o seu estado emocional”. “Somos conscientes dos problemas de saúde mental, o 25% da poboación, é dicir, 1 de cada 4 persoas ao longo da súa vida, terá algún trastorno mental… É unha patoloxía que está aí e que temos que visibilizar”, declarou Rey.

África Martínez explicou que Taller Abierto detectou “unha necesidade e un interese en tratar estes temas”, o que foi determinante na decisión de organizar unha actividade cultural, que supón “un bo vehículo para tratalos”, mentres que, en relación coa selección de películas, Suso Novás afirmou que esta se fixo analizando “as posibilidades que teñen, esteticamente falando, pero sobre todo tematicamente, para facer unha especie de quorum global con tódolos asistentes”. Deste xeito, Novás subliñou que “en ‘Amorodos Salvaxes’ se afronta un tema moi interesante, que é o paso do tempo e a condición vital da beleza, e o que supón iso na vida dun intelectual; ‘Os Tenenbaums’ trata o tema da familia e todo o que o significado desa verba conleva na vida das persoas; ‘O Servente’ é un traballo canónico sobre as relacións tóxicas en feitos como pode ser o servilismo, a dominación ou o sadismo, nun contexto de loita de clases, e finalmente, ‘Que Foi de Baby Jane?’ é unha película sobre o contexto imaxinario estadounidense, tratando asuntos como o éxito e a ancoraxe ao pasado”.

“Aínda que non tódolos filmes reflicten patoloxías ad hoc -conclúe o director de Novos Cinemas-, traballan cun imaxinario no que estamos convivindo todos”.

A II edición de ‘O oficio de vivir’ estrearase o xoves 16 de febreiro coa proxección de ‘Amorodos Salvaxes’, de Ingmar Bergman, unha película sueca do ano 1957 onde o protagonista, de avanzada idade, repasa a súa vida lembrando diferentes momentos que o marcaron. A sesión servirá para abordar temas como a soidade, o paso do tempo e a actitude ante a proximidade do final da vida.

Hora

(Mércores) 19:00 - 22:00

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!