Rutas ornitolóxicas "Voando nas Rías Baixas"

dom02feb(feb 2)09:00dom14dec(dec 14)09:00Rutas ornitolóxicas "Voando nas Rías Baixas"Deputación de Pontevedra09:00 - (decembro 14) 09:00 Provincia de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

As Rías Baixas ofrecen enclaves únicos ao longo da provincia de Pontevedra, desde tramos de costa acantilada e rochosa, amplos areais ou illas ata os montes densos e verdes do interior; en definitiva, lugares incomparables onde atopar unha extraordinaria biodiversidade de flora e fauna, coma aves (nidificantes, migratorias…), que fan da provincia de Pontevedra un destino con gran variedade de localizacións para a súa observación nas distintas estacións do ano e que atraen un numeroso público nacional e internacional.

Por iso, a Deputación de Pontevedra pon en marcha un ano máis o programa “Voando nas Rías Baixas” co obxectivo de contribuír á conservación e á posta en valor dos recursos naturais e ao desenvolvemento turístico e económico das zonas de alto valor ecolóxico, na súa maioría con figuras de protección tan importantes coma a Rede Natura 2000, a través da observación e do coñecemento das distintas especies de aves, o que proporciona, ademais, unha sensibilidade e conciencia ambientais.


A Foz da Ramallosa e praia América (Nigrán)

  • Día da actividade: 2 de febreiro de 2025
  • Prazo de inscrición: 20 de xaneiro ás 9 h

A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal que se atopa entre os concellos de Nigrán e Baiona (no esteiro do río Miñor). Está protexido pola Rede Natura 2000, o que destaca os seus valores naturais.

Este espazo, de alto valor ecolóxico, é óptimo para a observación de aves, non só polo preto que se poden avistar, senón tamén polo confiadas que se mostran cara ao ser humano.

Salientan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), a variedade de gaivotas, diferentes especies de garzas ou aves mariñas, coma os carráns cristados.

Tamén é posible ver a aguia pescadora, que se achega a este esteiro para pescar.


Costa sur da ría de Arousa (Cambados e Vilanova de Arousa)

  • Día da actividade: 9 de marzo de 2025
  • Prazo de inscrición: 24 de febreiro ás 9 h

A ría de Arousa é un dos mellores lugares de Galicia para a invernada de aves acuáticas; por iso, visitarase parte do tramo sur para observar as grandes poboacións de corvo mariño grande que alí invernan, gaivotas comúns, virapedras comúns, mazaricos, pilros, gaivotas de cabeza negra, choronas, garzas, algún mourelo e ata algunha mobella grande.


As Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda)

  • Día da actividade: 25 de maio de 2025
  • Prazo de inscrición: 12 de maio ás 9 h

Estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra con diferentes e valiosos ecosistemas, coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueira baixa, rochedos, carballeiras… Entre as aves, destacan as rapaces, coma a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira, entre outras.


Praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo)

  • Día da actividade: 22 de xuño de 2025
  • Prazo de inscrición: 9 de xuño ás 9 h

Este é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción.

Nesta praia, a través de telescopios e prismáticos, e mantendo unha distancia prudencial, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras coas súas adorables crías, que corrican pola area; ademais, tamén se lles explicarán os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.


Campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo)

  • Día da actividade: 28 de setembro de 2025
  • Prazo de inscrición: 15 de setembro ás 9 h

Neste espazo, protexido pola Rede Natura 2000, conviven os campos de labor coas antigas lagoas de extracción de barro.

No outono, destacan nesta fermosa ruta os pasos migratorios de paxariños coma o chasco do norte, o papamoscas negro ou o picafollas musical. Tamén é posible ver aves acuáticas das lagoas (coma o pato cincento, o rabilongo, o asubión, o cullerete etc.), a galiñola negra ou o mergullón pequeno; algunhas aves rapaces, por exemplo, o lagarteiro común ou a tartaraña das xunqueiras; e os formidables cullereiros, as garzas e gran variedade de limícolas da contorna.


Esteiro do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio)

  • Día da actividade: 9 de novembro de 2025
  • Prazo de inscrición: 27 de outubro ás 9 h

Ao fondo da ría de Pontevedra, o Lérez verte as súas augas ao mar e achega ricos sedimentos, o que dá lugar a un interesante intermareal no que as zonas de lodo e area atraen gran diversidade de aves limícolas, mariñas, ardeidos ou anátidas.

E, xa na desembocadura, o río Umia achégalle o seu caudal ao rico Complexo Intermareal Umia-O Grove, da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, para crear un fermoso esteiro influenciado polas mareas, idóneo para aves acuáticas: garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.


Enseada de San Simón (Vilaboa, Soutomaior e Pontevedra)

  • Día da actividade: 14 de decembro de 2025
  • Prazo de inscrición: 1 de decembro ás 9 h

No máis profundo da ría de Vigo, é salientable a espectacular enseada de San Simón, onde a influencia das mareas propicia, nesta paisaxe intermareal, a invernada de interesantes aves acuáticas e mariñas, así como paseriformes das contornas arbóreas, de aí que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Ademais do pato asubiador (que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia), é posible observar outras anátidas e limícolas atractivas.


CONDICIÓNS DO PROGRAMA

  • Todas as actividades contempladas no programa “Voando nas Rías Baixas” son gratuítas.
  • As prazas son nominais, polo que será un requisito imprescindible presentar o DNI ao comezo de cada actividade.
  • As titoras e titores legais das e dos menores de idade que non dispoñan do DNI deberán presentar un documento acreditativo da súa identidade.
  • Non presentar o documento de identidade correspondente implica o rexeitamento da ou das persoas a participar na devandita actividade.
  • As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
  • Cada visita terá unha duración aproximada de dúas (2) horas.
  • Ofertaranse un máximo de 25 prazas por visita, xa que os grupos non deben ser moi numerosos ao tratarse dunha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza.
  • Para cada actividade haberá dous puntos de encontro; un, na zona onde esta se realice, de maneira que cada participante poderá escoller o punto de encontro que mellor lle conveña segundo as indicacións sinaladas no correo de confirmación da praza. Só se lles facilitarán os puntos de encontro ás persoas que finalmente participen na actividade.
  • Para asistir a cada actividade ofrécese un autobús que conectará os dous puntos de encontro e que servirá para realizar as visitas guiadas nas zonas onde estas se desenvolvan.
  • As persoas que xa participasen no programa no ano 2024 non poderán repetir a mesma ruta no 2025.
  • Non poderán participar no programa “Voando nas Rías Baixas” as persoas que non estean debidamente inscritas e recibisen a confirmación.

INSCRICIÓNS NAS VISITAS

  • Todos os períodos de inscrición comezarán ás 9 h dos días sinalados en cada unha das rutas, momento no cal se habilitará un formulario en liña na web depo.gal, no que se poderán anotar a persoa solicitante e tres (3) acompañantes; é dicir, un máximo de catro (4) persoas por inscrición.
  • Este formulario pecharase cando se reciban suficientes inscricións para cubrir tanto as prazas dispoñibles coma a lista de agarda, e non se poderán realizar novas inscricións. Ademais, non se aceptarán inscricións por outras vías (correo electrónico nin teléfono).

CONFIRMACIÓNS DAS VISITAS

  • A lista conformarase por rigorosa orde de chegada das inscricións. A partir dese momento, a semana anterior á realización da ruta, as 25 primeiras persoas recibirán un correo para que confirmen a súa asistencia ou rexeiten a praza coa maior brevidade posible e, en todo caso, antes do luns anterior á realización da ruta, ás 12 h. Se existisen renuncias, enviaráselles un correo de confirmación ás seguintes persoas da lista de agarda, as cales deberán respectar o mesmo prazo ou, de enviarse pasado o devandito prazo, deberán contestar canto antes e sempre antes do xoves anterior á realización da ruta, ás 12 h.
  • É obrigatorio contestar os correos de confirmación de praza, polo que as persoas que non respondan ou non o fagan nos prazos establecidos quedarán automaticamente excluídas da lista e non poderán participar na ruta para a cal se lle confirmou a praza nin en ningunha das outras incluídas no programa “Voando nas Rías Baixas” durante todo o ano.
  • As persoas penalizadas que formen parte dunha nova inscrición, ben como solicitantes ou acompañantes, non se terán en conta á hora de realizar as confirmacións de praza.

RECOMENDACIÓNS E MATERIAL

  • A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos e o calzado, apropiado para moverse polo campo.
  • As excursións contarán con dúas persoas guías da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife de Pontevedra con experiencia e coñecementos contrastados.
  • Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar as aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar delas sen molestalas.
  • Entregaráselle unha guía de aves a cada participante, excepto a quen xa dispoña dela.
  • Recoméndase levar unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo, e tamén prismáticos e guías de campo a quen xa conte con eles.

Para más información, podes contactar co Servizo de Medio Ambiente no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 886 210 725, en horario de 8 a 15 h, de luns a venres.

Hora

Febreiro 2 (Domingo) 09:00 - Decembro 14 (Domingo) 09:00

Localización

Provincia de Pontevedra

Está pasando!