This is a repeating event

Senda Festival 2025 en Pontevedra

dom06xulConsultarSenda Festival 2025 en Pontevedrason, liberdade e natureza(Consultar: domingo) Illa das Esculturas - Pontevedra

Detalles do Evento

Festival Senda presenta esta fin de semana en Pontevedra tres días de programación adicados ás vertentes mais vangardistas da música electrónica. Ao longo dos días 4, 5 e 6 de xullo, a Illa das Esculturas será un escenario privilexiado dun festival que amplía a súa duración e continúa a medrar

Tal e como indican desde a súa organización, comandada por José González ‘Certain People’, un dos picadiscos consagrados na Boa Vila, o Senda prosegue o seu camiño, «sen mudar os seus valores fundacionais: identidade, comunidade, diversidade, cultura e natureza, nun entorno amable, mantendo un formato de evento sostible e íntimo».

Para esta cuarta edición, a cita musical presenta unha sólida programación que combinará o mellor do talento local, estatal e internacional ao redor da música electrónica e de clube. Diversas sensibilidades melódicas, que poñen o foco en artistas emerxentes e outros de maior traxectoria. Os que están escribindo o presente da electrónica de baile e os que están chamados a facelo nun futuro inminente.

Un conxunto de artistas diverso e con personalidade de seu Naone, nada en Seúl, presenta un son fondamente influído polas xoias atemporais dos anos 90 e2000. Dirixe o selo down2earth xunto ao seu compañeiro Denial, outro dos convidados internacionais desta edición. Denial aposta polos ritmos psicodélicos e bailables, sen encaixarse de máis nun só xénero.

O norteamericano Liquid Earth propón un house bañado polo sol californiano da súa cidade natal, mesturado coa contundencia europea, cunha produción rica en baixos profundos e texturas analóxicas.

Aedis é un produtor orixinario de Barcelona e actualmente afincado en Ámsterdam, cunha proposta de música de baile introspectiva, de carácter ecléctico e hipnótico.

Entre os artistas estatais, destacan Javi Redondo, unha das figuras clave da electrónica española. Distínguese pola súa capacidade para mesturar rarezas downtempo cunha fusión libre de sons, beats e xéneros, o que o levou a actuar en cabinas lendarias de todo o mundo.

Glossy Mario é un deses selectores que non se conforma co obvio. Digger por conta propia e fundador do selo Glossy Mistakes, forma parte das novas xeracións de artistas que están a transformar a escena underground estatal.

Gala, metade do dúo Systema, con base en Madrid, leva xa cinco anos facendo bailar corpos e reseteando cabezas na escena estatal. En solitario, constrúe os seus sets arredor dos sons que a fan perderse na pista: grooves sólidos mesturados con e puro material para bailar.

En formato b2 b preséntanse Margott e Emi Koto, DJ’s e selectoras afincadas en Madrid. Cando se atopan na cabina, acontece sempre algo especial. Margott vive a música como unha forma de terapia. Emi Koto asina un house con alma e precisión, onde a enerxía se mestura coa sutileza. Xuntas, crean unha conversa sutil e poderosa entre dúas artistas que entenden a música como unha linguaxe emocional e colectiva.

A catalá Spacer é un referente do underground barcelonés, e a súa obsesión son os sons sintéticos. A súa arte escapa das etiquetas e dos xéneros, e crea atmosferas envolventes, guiando á audiencia nunha viaxe sonora tan introspectiva como eufórica.

Entre xs artistas galegxs, destacar a DJ Swisherman, produtor e DJ consolidado como unha figura emerxente na escena electrónica internacional, con presencia en cabinas de todo o mundo.

Tamén resoa con forza a proposta en b2b dos locais Arque e Cris Sinaka. Ambos representan o encontro entre o xogo e a exploración sonora. El, DJ e produtor cun pé no house e nos ritmos progresivos, ela unha selectora que entende a pista como un terreo de xogo onde pode pasar calquera cousa.

45:33 RPM é un DJ, selector e amante do vinilo afincado en Pontevedra, membro activo do colectivo PalmcoRadio. Xunto a el, o tamén pontevedrés Penela.

E, como non, Certain People, programador e organizador de Senda, que suma máis de 25 anos marcando o pulso da escena. Selector con amplo bagaxe e carisma único, é un dos artistas máis activos do circuíto galego e pinchou nos principais clubs do territorio nacional , xunto a actuacións en diversos festivais internacionais. Nesta ocasión, actuará conxuntamente co DJ afincado en Coruña Pablo Ruiz Galán.

Jam de sintetizadores con LDM Synth Community (Local de Música)

Local de Música de Pontevedra é moito máis ca un espazo de ensaio: é un viveiro de talento mozo e un laboratorio de creación. Entre os seus proxectos está LDM Synth Community, unha comunidade de aprendizaxe en torno á música electrónica feita con máquinas, que transforma a experimentación sonora nun punto de encontro.

Senda Festival abre así as portas á mocidade creadora, no seu compromiso de ser un proxecto situado en diálogo coa contorna, conectado co territorio e coas persoas que o habitan. Chegan cunha Jam de Sintetizadores: improvisación colectiva con hardware analóxico, dixital e modular. Só equipos conectados, texturas en construción e paisaxes sonoras que nacen e morren no momento.

Senda está organizado polo Concello de Pontevedra coa produción de Certain Music Events, amosándose como un dos ciclos principais do programa das Festas do Verán 2025.

O escenario e demais servizos ao redor da cita estarán situados na mesma zona que acolle o festival Surfing the Lérez.

Hora

Consultar (Domingo)

Localización

Illa das Esculturas

Illa da Xunqueira, s/n, 36005 Pontevedra

Está pasando!