Sesión de curtametraxes de Leon Hirszman en Pontevedra

lun12mai20:30Sesión de curtametraxes de Leon Hirszman en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O luns 12 de maio, ás 20:30 horas no Teatro Principal, o Cineclube Pontevedra proxectará unha sesión de curtametraxes de Leon Hirszman, conformada polos dous primeiros traballos do brasileiro e mais por dúas pezas centradas na samba.

‘Pedreira de São Diogo’ (Leon Hirszman, 1962, Brasil, 18 min., VOSE)

Primeiro filme do director e un dos episodios de ‘5 vezes favela’, serie de curtametraxes producidas polo Centro Popular de Cultura da União Nacional de Estudantes (CPC) e carta de presentacion do Cinema Novo a principios dos anos 60. Coa suposta influencia das teorías da montaxe de Eisenstein e marcado por un forte idealismo político, o episodio segue o drama vivido polos traballadores dunha canteira de Rio ante a orde de intensificar as explosións.

‘Maioria absoluta’ (Leon Hirszman, 1964, Brasil, 20 min., VOSE)

Retrato da vida cotiá e a miseria extrema do campesiñado analfabeto do nordeste do Brasil, ao que non lle está permitido votar. O filme dálle voz á poboación analfabeta a través de testemuños, estatísticas e datos históricos que deitan luz sobre o problema do latifundio na estrutura agraria brasileira. Coa chegada do Golpe militar en 1964, foi censurado e prohibiuse a súa exhibición ata 1980.

‘Nelson Cavaquinho’ (Leon Hirszman, 1969, 13 min., VOSE)

Rexistro fermoso e punxente do sambista Nelson Cavaquinho e a súa contorna, conversando e tocando con amigos e veciños, na casa, no bar, no patio. Escenas da vida no barrio mestúranse con recordos e improvisacións e compoñen un retrato complexo, alegre e melancólico, do compositor e da súa comunidade.

‘Partido alto’ (Leon Hirszman, 1982, 22 min., VOSE)

Documento histórico e homenaxe sincera ao partido alto, tradición cultural da samba carioca que ten como característica central a improvisación e a espontaneidade. Este valioso filme de 1976 con declaracións memorables da vella garda, non só rexistra a manifestación dunha certa pureza musical, a sinxeleza e o espírito de comunidade, senón que se posiciona firmemente contra a crecente estandarización da samba, imposta polas demandas do mercado.



Durante o mes de maio poderanse ver no Cineclube Pontevedra dúas recentes estreas ‘Misericordia’ (2024) e ‘A historia de Souleymane’ (2024), os últimos traballos dos franceses Alain Guiraudie e Boris Lojkine, respectivamente.

O primeiro foi presentado en Cannes e gañou na Seminci o premio a Mellor Filme e Mellor Guión. O de Lojkine fíxose co premio do Xurado na sección Un Certain Regard de Cannes, onde tamén gañou o premio ao Mellor Actor.

Ademais, proxectarase o filme belga ‘Rien à foutre’ (2021), ópera prima de Julie Lecoustre e Emmanuel Marre protagonizada por Adèle Exarchopoulos.

Os luns continúa o ciclo dedicado a Leon Hirszman que comezou en abril e que se completará neste mes de maio cunha sesión de curtametraxes conformada polos dous primeiros traballos do brasileiro e mais por dúas pezas centradas na samba, e coa proxección de ‘S. Bernardo’ (1972), considerado un dos mellores filmes latinoamericanos de todos os tempos.

Queda pendente a recolocación do filme ‘ABC da greve’, que non se puido proxectar en abril por causa do apagamento.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Luns) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!