IV edición de O Son da Gaita | © Concello de Poio

V edición do Son da Gaita en Poio

dom27outConsultarV edición do Son da Gaita en Poioorganizado pola Asociación Cultural Pai da Cana(Consultar: domingo) Finca de Besada - Poio

Detalles do Evento

A quinta edición do Son da Gaita celébrase este domingo, 27 de outubro, a partir das 10.45 horas no Pazo Besada, unha das principais citas dos amantes da gaita galega e da música tradicional cos mellores intérpretes do país, que organiza a Asociación Cultural Pai da Cana coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea, e do Concello de Poio.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, reuniuse co presidente da asociación, Óscar Ibáñez, e co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela para presentar a programación deste certame, que quere consolidarse como un lugar de encontro, difusión e convivencia dos músicos tradicionais, dos artesáns e dos investigadores entre si e co público.


Presentación da V edición de O Son da Gaita | © Concello de Poio

Este evento reúne a algúns dos máis importantes gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas con estilos e linguaxes ben diferenciadas, creando así un espazo destinado á posta en valor da gaita, dos gaiteiros e da nosa música tradicional dirixida a todas as persoas sensibles á nosa cultura, non necesariamente especialistas, que permite amosar as diferentes técnicas interpretativas, así como as posibilidades e riqueza a través das distintos xeitos de abordar o instrumento.

Unha oportunidade para escoitar ao vivo e de maneira moi próxima a algúns dos principais referentes actuais do instrumento que tamén pon o foco nos artesáns e nos investigadores e compiladores da nosa música tradicional destinando un apartado para presentar tanto as novidades e melloras na construción da gaita como as publicacións arredor do instrumento máis destacadas do momento.

Deste xeito a programación divídese en catro bloques. Así pois a xornada comeza ás 11:00 horas coa actuación dos grupos Ventureira, de Dena; Picuíña, de Marín; e @s Folieir@s, de Lavadores. Ás 11:45 horas terán lugar as presentacións de Ansuíña, de Vilanova de Arousa, que presentan o seu álbum homónimo “Ansuíña”; Xoán Carlos Rilo, que presenta a súa triloxía discográfica solista “O ronsel do meu sentir”; e o artesán redondelán afincado en Teo Oli Xiráldez, que falará do seu traballo ao longo máis de 30 anos construíndo gaitas, frautas e outros instrumentos de vento como óboes barrocos.



Despois dun descanso de media hora virán as actuación dos solistas Pedro Lamas, de Cecebre; Pablo Carpintero, de Castro aínda que afincado en Santiago de Compostela; José Manuel Mojón, de Ourense; Sabela Olivares, de Vigo; e Iván Costa, de Moaña. Todos eles grandes artistas e destacados referentes da gaita galega.

Para rematar, participarán nun xantar-foliada a partires das 15.00 horas no restaurante Casa Laura, en Campelo, no que ademais de desfrutar da gastronomía os asistentes poderán gozar da interpretación libre dos anteditos artistas e asistentes.

A cabida é limitada polo que é preciso reservar praza enviando un correo electrónico a acpaidacana@gmail.com. A asistencia aos bloques grupos e presentacións é de balde; o apartado solistas ten unha entrada de 10 euros e para o xantar o custe do prato é de 30 euros. As últimas estarán dispoñibles ata este venres 25 de outubro.

Debido á boa acollida que está a ter esta programación, desde a Asociación Cultural Pai da Cana confirmaron o seu propósito de seguir traballando para ampliar e mellorar o formato co fin de que cada edición supere a anterior dando visibilidade e poñendo en valor aos principais gaiteiros, artesáns, investigadores e divulgadores da música tradicional.

Hora

Consultar (Domingo)

Localización

Finca de Besada

Finca de Besada, San Salvador 36163 Poio

Está pasando!