Visitas guiadas á exposición de 'Simultánea' en Pontevedra

xov19dec19:00Visitas guiadas á exposición de 'Simultánea' en Pontevedra'ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS'19:00 Café Moderno Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

Afundación, Obra Social ABANCA, cumpre 10 anos de traxectoria e prepararon unha gran festa creativa en todas as cidades galegas. Presentan ‘Simultánea’, unha macroexposición centrada na Colección de Arte Afundación, que podes gozar a un tempo nas sedes de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

O Café Moderno Afundación Pontevedra acolle unha destas múltiples mostras, ‘Abstraccións e mensaxes cifradas’, un periplo expositivo multidisciplinar que revela a interpretación dos estados de ánimo a través do movemento da abstracción en Galicia, con obras dende o século XIX ata o XXI. Do 9 de outubro ao 25 de xaneiro de 2025, no edificio da Praza de San Xosé.

Celebra con Afundación as múltiples caras da Colección a través do programa de visitas comentadas nas que farán unha viaxe polo legado que acompaña á Colección de arte.

Visita guiadas á mostra ‘Simultánea’, a partir do 17 de outubro, cada xoves, ás 19.00 horas en Ataquilla.com



A MOSTRA

A palabra «abstracción» provén do latín abstrahĕre, que quere dicir «arrastrar lonxe, separar», o que, en sentido figurado, é o que implica a abstracción: apartar algo do seu contorno, illalo, para comprendelo. Na arte, a abstracción refírese á representación non figurativa dos elementos plásticos da composición ―o punto, a liña, a cor, a xeometría ou os materiais en si mesmos―, centrándose nas formas esenciais, todas elas abstraídas da realidade sensible.

O mundo non figurativo ten unha extensa historia previa ao movemento abstracto contemporáneo, e que podemos contemplar desde os patróns repetitivos do Neolítico, pasando polas páxinas dos códices medievais, ata a antecámara da abstracción coa luz de Turner ou o Goya máis serodio. Pero non será ata finais do século XIX e principios do XX cando encontremos unha clara intencionalidade grazas á obra da pioneira Hima af Klint, que amosa unha abstracción de corte xeométrico, anticipando a irrupción rotunda desta tendencia.

A arte contemporánea utiliza formas abstractas para interpretar o mundo de maneira subxectiva. Decote, busca transmitir emocións e estados de ánimo a través da combinación de cores, texturas e formas. Non polo feito de carecer de figuración carece de mensaxe, antes ao contrario, estas obras son unha poderosa canle de comunicación para inquietudes, sensacións e mensaxes, creadoras dunha linguaxe visual propia, que provoque unha experiencia emocional no espectador.

En Do espiritual na arte (1911), Kandinsky abordaba os principios da abstracción poñendo grande énfase na teoría da cor de Goethe, así como na relación coa música e a psicoloxía. Algunhas destas forzas serviron de referencia para a análise destas obras da Colección de Arte Afundación, xa que todas elas abordan a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade creativa da abstracción en Galicia.

Trinta e cinco obras e trinta e tres creadores cun forte vínculo coa cidade e a provincia pontevedresas como Laxeiro, Lodeiro, Leopoldo Nóvoa, Berta Cáccamo, Guillermo Monroy ou Álvaro Negro.

CULTURA POR ALIMENTOS

Este programa de visitas forma parte do proxecto Cultura por Alimentos, convidámosvos a gozar da arte a cambio de depositar un quilo de alimento nos contedores habilitados nos nosos espazos. Estes alimentos serán destinados aos Bancos de Alimentos locais. Cultura por alimentos é ilusión compartida.

Hora

(Xoves) 19:00

Localización

Café Moderno Afundación

Praza de San Xosé, 3 36001 Pontevedra

Está pasando!