Exposición ‘Voar coa imaxinación’ | Afundación

'Voar coa imaxinación'. Unha mostra Simultánea en Vigo

dom27outConsultarsáb22mar'Voar coa imaxinación'. Unha mostra Simultánea en Vigo7 EXPOSICIÓNS 7 CIDADES(Consultar) Sede Afundación Vigo - Vigo

Detalles do Evento

Co gallo do 10º aniversario de Afundación, Obra Social Abanca, nos pasados meses organizouse unha festa creativa por toda Galicia celebrando a arte e a cultura a través do macroproxecto Simultánea: sete exposicións, en sete cidades.

A Colección de Arte Afundación foi o eixe deste traballo minucioso que se expuxo a un tempo ata o 25 de xaneiro nas sedes de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

A Sede Afundación Vigo segue a acoller agora a exposición ‘Voar coa imaxinación’ ata o 22 de marzo de 2025 para que coñezas a singular maxia da Colección envorcada na fantasía como elemento fundamental da creación artística galega, con obras e artistas imprescindibles da arte do século XIX aos nosos días.

Comisariado: Paloma Vela.



A MOSTRA

A fantasía é aquilo que está fóra das leis naturais, que cativa as nosas mentes, enriquece os nosos mitos e poboa as nosas ilusións con imaxes imposibles ou esaxeradas. Non é estraño, por tanto, encontrarnos con este tema de forma repetida na arte, ensinándonos, así, os nosos pensamentos e soños máis irreais. Esta exposición permítenos descubrir, a través das obras da Colección de Arte Afundación, algúns dos diferentes aspectos da fantasía nas artes plásticas, o seu carácter, as súas formas e os seus obxectivos.

O grande impulso ao fantástico deuno, na historia da arte, o expresionismo nas primeiras décadas do século XX, cunha distorsión da realidade na procura da expresión dunha perspectiva persoal. Outro importante impulso chegou da man do surrealismo que, influído polo escritos de Freud sobre a interpretación dos soños, deixou aflorar a imaxinación dos artistas, accedendo ao subconsciente e acadando transmitir os seus pensamentos e ideas sen intervención da razón.

A identidade galega sempre estivo moi preto da fantasía e do irreal. Mitos, lendas e contos poboaron o noso imaxinario permitindo unha convivencia natural entre fantasía e realidade dentro da nosa cultura. Desta fonte e das correntes artísticas europeas do século XX, beben os artistas desta exposición, que nos permiten un percorrido por algúns dos mellores exemplos de como se amosa a fuxida do real na arte galega.

Sesenta e seis propostas e cincuenta e seis artistas do talle de Eugenio Granell, Alfonso Sucasas, Manolo Moldes, Carlos Alcolea ou os artistas da contorna viguesa, Menchu Lamas, Jorge Barbi, Antonio Murado, Din Matamoro, Tono Carbajo ou Lugrís Vadillo.

Hora

Outubro 27 (Domingo) - Marzo 22 (Sábado)

Localización

Sede Afundación Vigo

Policarpo Sanz, 24 - 26 36202 Vigo

Está pasando!