This is a repeating event

XIII Festival Atlántica no sur de Pontevedra

mér02xulConsultarXIII Festival Atlántica no sur de Pontevedra'un mar de contos por toda galicia'(Consultar: mércores)

Detalles do Evento

XIII Festival Atlántica da narración oral continúa a espallar historias por toda Galicia e chega con forza ao sur da provincia de Pontevedra cunha programación diversa que se estenderá do mércores 2 ao domingo 6 de xullo.

Os municipios de Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada converteranse durante eses días en escenarios para a palabra viva, acollendo contos para todas as idades, en distintos idiomas e con voces de dentro e fóra do país.

A través desta programación, o Festival Atlántica continúa a levar a narración oral a espazos públicos, naturais e patrimoniais, tecendo unha rede de encontros onde a palabra é protagonista e a comunidade volve reunirse ao redor da tradición máis viva que temos: contar e escoitar.

Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo | Festival Atlantica

A esencia napolitana e a poesía robótica desembarcan no Malecón de Caldas de Reis

A programación en Caldas de Reis abrirase este mércores 2 de xullo ás 21.00 h no fermoso entorno do Parque-Xardín Botánico, con ‘Fare le corna’ do actor e narrador Simone Negrin (Italia-Galicia), un espectáculo que viaxa entre culturas e crenzas, afondando nas conexións sorprendentes entre Galicia e Nápoles.

Cun ton irónico, afectuoso e sempre teatral, Negrin mergúllase na relación co infortunio, co máis alá e coa presenza constante dos mortos na vida cotiá. A partir da súa experiencia persoal —italiano con sangue napolitano e unha década vivida en Galicia—, o artista constrúe unha proposta que mestura lingua, identidade e superstición, revelando similitudes inesperadas entre as dúas culturas: dende o léxico ata o relativismo existencial, pasando pola convivencia íntima cos espíritos dos devanceiros.

En Nápoles, os mortos volven nos soños para darche os números da lotería. En Galicia, quizais simplemente escoitan. E Negrin, entre risos e reflexión, invítanos a escoitar tamén. ‘Fare le corna’ é un espectáculo para público adulto que conxuga humor, tradición oral e teatro narrativo, ofrecendo unha ollada orixinal e divertida sobre o que non sempre nos atrevemos a contar.

venres 4 ás 11.00 h, o mesmo espazo acollerá ‘Artiloxios’, de Oswaldo Pai (Aragón), unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai é o artífice dun espectáculo que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. ‘Artiloxios’ é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.

Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, María Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.

Sanxenxo: rock, humor e fantasía para toda a familia

xoves 3 de xullo ás 11.00 h, o CEIP A Florida de Sanxenxo acollerá ‘As máis molonas de Pakolas’, un concerto divertido e cheo de enerxía no que o músico Pakolas repasa os grandes éxitos da súa discografía pensada para os máis pequenos. Coa súa guitarra, a súa voz e moito humor, Pakolas crea un espectáculo cheo de ritmo e participación cunha posta en escena tan espontánea como eficaz.

‘As máis molonas de Pakolas’ é un concerto que conxuga música, narración e xogo, ideal para familias que queren compartir un intre de alegría e movemento ao ritmo do galego máis molón.

venres 4 ás 21.30 h, ‘Artiloxios’ de Oswaldo Pai repetirá función en Sanxenxo, desta volta na Casa Mariñeira Don Fernando, cunha sesión aberta a público adulto e cativada maior de 8 anos, para gozar da poesía feita obxecto e da palabra que vibra entre trebellos fantásticos.

Cuntis: contos entre pedras e natureza

O máxico Castro de Castrolandín será o escenario da proposta que o Festival Atlántica achega a Cuntis: o venres 4 de xullo ás 12.00 h, Pablísimo presentará ‘Cavicibai’, un espectáculo sobre rodas pensado para público a partir de 3 anos, onde cada pedalada abre a porta a un novo conto. A protagonista é unha bicicleta máxica que transporta historias por camiños reais e imaxinarios.

A bordo dela viaxa tamén un Kamishibai —teatriño xaponés de papel— e tres caixóns cheos de sorpresas, dos que poden saír contos, obxectos, cancións ou lembranzas inesperadas. ‘Cabicivai’ é unha proposta lúdica e participativa que une movemento, narración e xogo escénico para facer medrar a curiosidade e a fantasía dos máis pequenos. Unha viaxe única, a golpe de pedal, onde todo pode acontecer.

A Estrada: contos ao sol e ao son dun vermú

A xornada do domingo 6 de xullo ás 13.00 h, Riobó (A Estrada) será escenario dun dos encontros máis festivos de Atlántica que opera tamén como clausura oficiosa: o Vermú de contos, unha sesión aberta e informal onde diferentes artistas participantes desta edición compartirán historias en galego, portugués e castelán.

A actividade require inscrición previa no correo [email protected] e está dirixida a público adulto.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en terras pontevedresas é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña así como ao patrocinio dos concellos de Caldas de Reis e Sanxenxo e á colaboración da Fundación Terra Termarum Castrolandín e da asociación Amigos dos Castros.

Estes catro concellos de Pontevedra forman así parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible en festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico.

Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

Hora

Consultar (Mércores)

Está pasando!