XXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra 

lun04agoConsultarven08agoXXXI Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra Do 4 ao 8 de agosto de 2025(Consultar) Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

A trixésima primeira edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve converterse nun indubidable referente para a cada vez máis numerosa afección, tanto pontevedresa como foránea, que é seguidora apaixonada desta clase de música.

E faino reafirmándose nas súas conviccións e principios, que se resumen no compromiso irrenunciable de ofrecer ao público o mellor cartel posible, tanto no ámbito internacional, con artistas que son considerados pola crítica e o público como os máis destacados a nivel mundial cos seus respectivos estilos e propostas, como tamén, por suposto, apostando por promover o talento novo e con futuro que destaca pola súa evidente calidade na puxante escena galega.

Nesta ocasión, veciñanza e visitantes poderán gozar da música entre o 4 e o 8 de agosto, unha fermosa antesala para as Festas da Peregrina.

Dous son os elementos que o distinguen doutras propostas similares: a súa calidade, sempre de primeiro nivel e sempre con nomes de importancia superlativa; e a súa accesibilidade, que continúa apostando por ser un evento de entrada libre, de balde, para todos e todas.

O festival, con máis de trinta de anos de historia, é tamén coñecido pola súa combinación de talento galego e internacional, alternando noites con melodías chegadas desde Estados Unidos, con outras locais, con ADN Pontevedrés.

Así será o caso de Litet Steg —cuarteto con compoñentes de Ourense, A Coruña ou Pontevedra, entre os que figura o contrabaixista Xacobe Martínez— ou Allo Negro, agrupación nada na cidade de Pontevedra, que realiza unha mestura de blues, jazz e soul propio dos anos 50 e 60, mais cunha cualidade única: con letras en galego. Actuarán o 4 e o 6 de agosto, respectivamente.

No bando internacional, a primeira noite o público contará con John Németh, un afamado harmonicista de Memphis (Nashville, EE.UU.), especializado no blues e no soul, que de seguro encantará aos amantes do xénero o luns, 4 de agosto. 

Verónica Suíz, subirá ao escenario o 7 de agosto, unha aposta polo talento emerxente e actual, cunha capacidade vocal emocionante, e cunha capacidade abrumadora para recoller influencias e mesturar estilos.

Por último, Robben Ford, tomará coa súa guitarra o 8 de agosto nunha noite que promete ser inesquecíbel para os amantes do instrumento das seis cordas, ao ser Ford un virtuoso vivo do mesmo. Unha lenda que chega a Pontevedra por primeira vez, ofrecendo o Festival de Jazz e Blues unha oportunidade totalmente «única» de poder velo tan próximo e de balde.

As actuacións terán lugar na Praza da Ferraría, dando comezo todas elas ás 22:30 horas.

Alén do cartaz principal, a programación tamén contempla os tradicionais pasarrúas a cargo da Brass Atlantic Street Band, que desde o primeiro día percorrerán o centro da cidade lembrando ese ambiente tan de Nova Orleáns.

Hora

agosto 4 (Luns) - 8 (Venres)

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!