Presentación da Festa do Mar | © Concello de Poio

Gastronomía, cultura, música e tradición mariñeira na Festa do Mar que se celebra en Combarro do 22 ao 25 de agosto

19 Agosto 2024

  • Ángel Moldes: “Queremos que a xente que se achegue eses días a Combarro respire mar e coñeza de primeira man a importancia que ten este sector, xunto co turismo, para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello”
  • Inclúe actuacións infantís, sesións vermú con foodtruks e música en directo, certame de Canción Mariñeira e encontro de embarcacións tradicionais, ademais dos concertos de La Ocaband, Broken Peach, The Rapants, Soraya, Bombai e Remember Queen

O Concello de Poio presentou a programación completa da XXIII Festa do Mar que se celebra en Combarro do 22 ao 25 de agosto. Unha festa na que volven apostar, como na última edición, por dárlle protagonismo absoluto ao mar, con propostas destinadas para todas as idades e todos os públicos que inclúen gastronomía, tradición, cultura e música.

“Queremos que a xente que se achegue eses días a Combarro respire mar e coñeza de primeira man a importancia que ten este sector, xunto co turismo, para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello”, sinalou o alcalde Ángel Moldes, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dos edís de Eventos e Festexos e de Cultura, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, respectivamente, así como de representantes das entidades locais que colaboran, como son Ateneo Corredoira de Combarro, Amecomra ou Club Mariño A Reiboa.



Moldes puxo en valor que “presentamos unha programación ampla, variada e moi potente” para recrear o espírito mariñeiro, nunha edición que, como comentou, volve a apostar pola participación das entidades e confianza nas empresas locais. A programación estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa. O gastronómico, coa degustación de produtos do mar nas foodtrucks Galicia sabe Amar, da Consellería do Mar, e con actuacións musicais durante a sesión vermú o sábado e domingo, con Raúl&Cía e Sobre todo ella, “e todas as persoas que decidan quedarse a comer poderán facelo nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai nesta parroquia, onde poden consumir produtos do mar da máxima calidade”, sinalou.

O segundo centrarase na carpa museo, con varias exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por veciños, fotografías antigas cedidas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo relacionadas co sector conserveiro e coa arte do mar, así como a Exposición Mareas de Vida, cedida por Fumpromar, e que pon en valor o traballo das mariscadoras de Poio, e “As nosas bateas fonte de vida”, coa colaboración de Opmega.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, que contará coa participación de preto de cincuenta participantes.

Pola súa parte, Valentín García recordou que “Combarro é lugar de referencia do turismo galego, a combinación perfecta entre a apertura ao mar e a arquitectura popular e tradicional galega que máis nos marca como pobo” e destacou que a Xunta de Galicia colabora coa programación a través de diferentes consellerías, tanto con propostas culturais como gastronómicas. “É tempo de lecer pero tamén de reafirmación da cultura propia”, engadiu.



PROPOSTAS PARA PÚBLICO INFANTIL, CANCIÓN MARIÑEIRA E CONCERTOS

Para o público infantil tamén se inclúen propostas todos os días ás 19.30 horas. Así, poderán gozar do espectáculo “Pomper, a festa das pompas”, o venres, da música de “María Faltri Picadiscos” o sábado e do “Cirkompacto” de Hell Brothers o domingo.

O Certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Adelaida, Chispa do Lérez, Vento Mareiro, Orfeón e Vides Novas.

Con respecto aos concertos, o xoves 22 inclúese o musical “Camiñantes e Cantantes” de La Ocaband, coas actuacións de Pili Pampín, Lucía Pérez e Pepo Suevos, ás 21.00 horas e, a partir das 23.00 horas, a actuación de Broken Peach, un grupo que leva anos triunfando nos escenarios e que hai unhas semanas presentaban “Welcome to the Brokenlands”, o seu primeiro disco con cancións orixinais.

O venres 23, ás 23.00 horas, The Rapants, porá a música en Combarro, unha banda galega que navega entre o indie, o pop e o garage.

As actuacións de Bombai, DJ Michi e Soraya Arnelas serán o sábado dentro da Gala do Mar. Comezarán Bombai e DJ Michi ás 22.30 horas e, tras os fogos de artificio, continuará Soraya ás 00.30 horas. Bombai é un grupo valenciano con singles coñecidos como “Solo si es contigo”, “Imparables”, “Superhéroes” ou “Tú me has cambiado”. Soraya Arnelas é unha cantante e compositora española que se deu a coñecer no ano 2005 no programa Operación Triunfo, desde entón conta con éxitos musicais como “Dreamer”, “Feeling You”, “Con Fuego” ou “Universe in me”. “Earthquake” é o novo single.

Por último, o domingo ás 23.00 horas, será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo que no seu tour europeo fai parada en Poio. Unha homenaxe a Queen, á súa música e á figura do seu líder, Freddie Mercury, que desde o ano 2011 foi vista por máis de tres millóns de espectadores.

Está pasando!