Presentación do Incodefest 2025 | Concello de Pontevedra

Incodefest revela o cartel da súa segunda edición: música, inclusión e identidade local en perfecta harmonía

20 Maio 2025

  • O evento, de balde e financiado polo Concello de Pontevedra, terá lugar o venres 30 e sábado 31 de maio na Alameda.
  • Proxectos e escolas de música locais compartirán escenario con agrupacións de Paredes de Coura, A Guarda ou Barro.
  • Contará con dúas propostas previas os xoves 22 e 29 en Nasantiña, a ‘Noite Boomer’ e a ‘Bonobo Live Sessions 2025’

O edil de Cultura e Xuventude, Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Violeta Mosquera e Álex Gayoso de Arte Calavera, promotora do festival, a que será a segunda edición do Incodefest.

Tal e como avanzou Demetrio “vimos presentar o festival Incode que estará na cidade a partir do 22 da maio en Nasantiña e logo todo seguido a partir do 29 de maio. Hai case dous anos veu Bonobo plantexando un festival que recollese o estudantado, as persoas que están en escolas de música, que fan música en Pontevedra, que son moi numerosas e con moitas posibilidades.

A partir desa primeira idea, nace o Incode que se transporfa nun proxecto apaixonante, que botou a andar o ano pasado e que este ano celebra a súa segunda edición. Vén con máis días, máis espazo, máis actividades, máis participación e máis gaña de pasalo ben. Todo isto que naceu para as escolas de música de Pontevedra, estirouse e agora conta con escolas e proxectos musicais de Pontevedra, a súa contorna e tamén cos nosos amigos e amigas de Paredes de Coura”.

Na súa intervención, Álex Gayoso apuntou a importancia que para o Incode ten “revalorizar a palabra festival, como un encontro da comunicade, da xente de Pontevedra, facendo cousas reais que teñen impacto na cidade. Incluíndo a todos os ámbitos da sociedade. Somos un festival que aposta pola inclusión, con propostas de diversidade funcional e proxectos artísticos que van participar como XeRock de A Guarda.

Na programación combinaremos proxectos educativos con escolas de música, o Seminario de Jazz tamén estará presente, xente do Local de Música (3 bandas), de Xeración Sónica (7 bandas), colaboracións especiais como a de Paredes de Coura coa banda ECO ou a Banda Xuvenil de Barro homenaxeando a Radio Head que contará cunha intervención plástica de Belas Artes durante o concerto, teremos tamén a Banda de Música de Salcedo, etc.”

Pola súa banda “Violeta quixo destacar o carácter ecléctico do festival, con todo tipo de propostas que mesturan as propostas locais con proxectos como Cintaadhesiva de Silvia Penide, Thom Archi ou Mundo Prestigio e tamén as propostas para o público Boomer este xoves en Nasantiña.”

O Incodefest regresa cun novo impulso e presenta o cartel da súa segunda edición, que se celebrará o 30 e 31 de maio nun enclave único de Pontevedra, a súa alameda, en pleno centro da cidade.

O festival, que combina música ao vivo cun espírito comunitario, aposta este ano por unha programación diversa, con artistas emerxentes e consolidados, así como escolas de música locais, que amosarán o talento da cativada e que poñen o foco na calidade, a inclusión e a conexión co territorio. Igualmente, diferentes bandas do Local de Música de Pontevedra subiranse ao escenario e teñen un papel importante dentro do cartel que se presenta.

Entre os nomes destacados do cartel deste ano atopamos a Faul e Mundo Prestigio, que compartirán escenario con propostas innovadoras como Thom Archi ou Cintaadhesiva nunhas xornadas que misturarán sons electrónicos, rock e punk, mantendo o espírito ecléctico que define ao festival.

Por outra banda, reunirá diferentes proxectos de inclusión coma XeRock de A Guarda, e unha colaboración moi especial cunha banda (ECO) da Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal).

O Incodefest non é só música: é encontro, diversidade e cultura. Ao longo destes días, o público poderá gozar de espazos de descanso, postos de comida e actividades paralelas pensadas para todos os públicos. O festival reafírmase así como un evento sostible, accesible e comprometido coa inclusión e diversidade.

Incodefest é un evento de balde, financiado polo Concello de Pontevedra e producido por Artecalavera, cunha programación coidada tanto no musical como no cultural e cun novo enfoque á hora de entender un festival.

Como antesala o xoves día 22 de maio terá lugar no Restaurante Nasantiña en Lérez, a “Noite Boomer” onde poderemos gozar dos proxectos musicais dos máis adultos de diversas escolas de Pontevedra como a Escola Gaia ou Estudo Bonobo. O día 29 tamén en Nasantiña, farase un visionado da estrea en Youtube das “Bonobo Live Sessions 2025” do alumnado interpretando o álbum ‘Demon Days de Gorillaz’.

Está pasando!