Ingmar Bergman e Éric Rohmer pecharán a tempada do Cineclube Pontevedra que se despide ata setembro

1 Xuño 2021

“Un verán con Mónica”, do realizador sueco Ingmar Bergman, e as dúas sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia dedicadas a Éric Rohmer ocuparán a programación de xuño no Cineclube Pontevedra, que regresará en setembro ao Teatro Principal.


“Un verán con Mónica”

LUNS 7  | 20:30

A MIÑA NOITE CON MAUD / MA NUIT CHEZ MAUD

Éric Rohmer, 1969, Francia, 110 min., VOSE

Lingua orixinal: francés

*Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

Jean-Louis é un enxeñeiro católico que se incorpora ao seu novo traballo en Clermont-Ferrand logo dunha estancia de varios anos en América. Un día, á saída da misa, fíxase en Françoise, unha muller loira coa que presente que ha casar algún día, mais pérdea entre a multitude. Por outra banda, Jean-Louis crúzase co seu vello amigo Vidal, marxista convencido, que o leva a casa de Maud, unha muller divorciada, con quen pasa a noite falando de filosofía.

O terceiro dos contos morais de Éric Rohmer rodouse en cuarto lugar e con actores profesionais. A intensidade, a sagacidade, o rigor ou a fondura dos diálogos amosan a sinxeleza de Rohmer para describir universos complexos. Un branco e negro portentoso de Néstor Almendros ilumina unha peza mestra nominada a dous Oscar, que atesoura, entre outras virtudes, unha inesquecible amálgama de debate e verbalización das relacións sexuais.


“UN VERÁN CON MÓNICA”

MARTES 8  | 20:30

UN VERÁN CON MÓNICA / SOMMAREN MED MONIKA

Ingmar Bergman, 1953, Suecia, 97 min., VOSE

Lingua orixinal: sueco

Harry e Mónica son dous mozos de clase obreira cunhas vidas e traballos cos que non están satisfeitos. Harry está farto do seu traballo e Mónica non atura a súa familia. Un día deciden abandonalo todo e fuxir a bordo dunha pequena barca ás illas dun pequeno arquipélago para vivir intensamente o seu amor.

Luminosa, vitalista e sensual como poucos filmes de Bergman. O labor de fotografía de Gunnar Fischer potencia tanto a beleza da protagonista, Harriet Anderson, que o filme foi polémico polo seu alto contido erótico, segundo os parámetros da época.


“O RAIO VERDE”

LUNS 14 | 20:30

O RAIO VERDE /  LE RAYON VERT

Éric Rohmer, 1984, Francia, 94′, VOSE

Lingua orixinal: francés

*Sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia

Quinta e penúltima entrega da serie comedias e proverbios, O raio verde foi rodada en San Juan de la Luz e Biarritz. Delphine é unha secretaria parisina sen plans para as vacacións logo de que a súa amiga as cancelara no último minuto. Soa e triste, Delphine está decidida a viaxar igualmente. No camiño coñece unha rapaza sueca que trata de animala mais que só consegue acentuar a súa sensación de soidade, até que o seu destino, de golpe, dá un xiro inesperado.

O raio verde obtivo o León de Ouro en Venecia e, visto retrospectivamente, resulta un dos traballos máis memorables, innovadores e singulares do seu autor, onde convive certo aroma documental coa inserción do elemento da improvisación.


O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!