Presentación de Itineranta 2025 | Concello de Pontevedra

Itineranta regresa con dez espectáculos para que Pontevedra se bote ás rúas a gozar da fantasía, a sorpresa e o inesperado

8 Xullo 2025

O ciclo de animación a pé de rúa terá lugar entre o 16 e o 18 de xullo, contando con nove compañías distintas chegadas de diferentes recunchos do mundo


O ciclo Itineranta celebrará este ano a súa 14ª edición. Catorce anos, catorce ocasións de atopar nas rúas e prazas do centro da cidade a sorpresa, a emoción e o espectáculo.

Promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, Itineranta é a día de hoxe unha cita clásica do serán pontevedrés, e un dos eventos máis agardados polo seu xeito de ser e celebrar, aproveitando as características únicas da cidade para transformar o centro nun auténtico escenario de fantasía onde pode todo pasar.

Tal e como aparece recollido no programa oficial, Itineranta se desenvolverá entre o 16 e o 18 de xullo, nas rúas e prazas do centro histórico, a través dunha serie de percorridos que poden ser consultados no programa oficial da propia actividade e que será repartido ao longo dos vindeiros días.

Entre as 20.00 e as 23.00h, veciñanza e visitantes poderán baixar á rúa e vivir cos seus ollos o que é este ciclo.

A edición deste 2025 conta con dez espectáculos distintos, realizados por nove compañías diferentes, todos eles estreas na cidade, agás o de ‘Pachamama’, de Troula, que se ben xa foi realizado na Boa Vila, chega reinventado e reformulado.

O 16 de xullo, mércores, será posíbel gozar de tres propostas: ‘Los aguadores’, de Almozandia Teatro (Zaragoza); ‘Chimizayaguas’, de Tchyminigagua (Bogotá-Colombia); e ‘Alien’s Foc’, de Producciones Scura (Vila Real).

Cada xornada pecharase cun espectáculo pirotécnico que non está recomendado para colectivos vulnerables aos efectos de son e luz.

A segunda xornada, a do xoves 17, estará formada por ‘Very big pulga’, de Asaco Producciones e Cirko Psikario (Navalmoral de la Mata e Fuenlabrada); ‘Diminuts’, de La Fam (Vila Real); e ‘Pachamama’, de Troula.

Itineranta dirá adeus até o vindeiro ano o 18 de xullo con ‘Olympics’, de Nacho Vilar Producciones e Yllana (Murcia e Madrid); ‘Disco Funk’, de K de Calle (Zaragoza); ‘Merograde’, de Brincadeira (Barcelona); e ‘Nomadesh’, de La Fam (Vila Real).

O edil de Festas, Demetrio Gómez, fai un chamamento a toda a cidadanía a gozar deste ciclo, que sempre supón un sopro de aire fresco, talento e diversión para a cidade; e que se bote ás rúas para achegarse ás compañías e xerar un ambiente conxunto e colectivo que xere emocións e sorpresas.

Está pasando!