“Machados. Cinco vidas, unha historia” é o título da mostra que poderedes ver desde mañá no edificio Sarmiento

25 Novembro 2020

A exposición “Machados. Cinco vidas, unha historia”, que se pode ver no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, desde o 26 de novembro ao 2 de febreiro, ofrece unha aproximación á metalurxia e aos depósitos metálicos da Idade do Bronce Final na fachada atlántica europea partindo dun conxunto de artefactos da colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela. Está promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).

Tras a súa elaboración e uso fai uns 3.000 anos, estes obxectos foron retirados da circulación e enterrados formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita.

Recuperados a finais do século XIX, a miúdo durante a realización de labores agrícolas, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.

As investigacións lideradas desde o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC permitiron reconstruír esta apaixonante historia e mostran que, tres milenios despois, estes obxectos teñen aínda moito que contarnos.

Esta exposición e as investigacións que nela se mostran forman parte do proxecto de investigación Innovación tecnolóxica, circulación do metal e artefactos metálicos de prestixio na Europa atlántica (s. XIII-I ANE) ( IN607D 2016/004), desenvolto polo Incipit – CSIC e financiado pola Axencia Galega de Innovación ( GAIN – Xunta de Galicia).

Está pasando!