Presentación da 4ª edición do MAC Marín | Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín

Marín convértese na capital galega do novo audiovisual coa 4ª edición do MAC Marín

11 Agosto 2025

Máis de 300 curtas, 42 series web e unha homenaxe á actriz Mabel Rivera centran unha edición récord do festival, que incorpora accións didácticas e tecnolóxicas dirixidas á mocidade


Do 20 ao 23 de agosto, a vila de Marín acollerá unha nova edición do MAC Marín (Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín), que se consolida como unha das citas imprescindibles do calendario audiovisual galego.

O festival, organizado por Marín de Cine – Club Audiovisual, supera este ano todas as expectativas cunha participación histórica e unha programación que aposta por novos formatos, talento local e propostas educativas que mesturan cinema, tecnoloxía e cultura.

A presentación oficial celebrouse no espazo A Bailona do Paseo Alcalde Blanco, coa presenza do director do certame, Dani Antelo, a escritora e xornalista Elena Gallego e a concelleira de Cultura, Itziar Álvarez. Antelo destacou o carácter ambicioso desta edición: “Hai máis actividades, máis público novo, máis formatos e máis xanelas para que a creatividade galega e internacional se poida ver en Marín”.

Presentación da 4ª edición do MAC Marín | Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín

Entre as principais novidades, subliñouse a incorporación do Ciclo Mestre Mateo, que permitirá ver na vila títulos destacados como ‘As Neves’ de Sonia Méndez ou ‘Salvaxe, Salvaxe’ de Emilio Fonseca, así como curtametraxes premiadas como ‘Eu Vou Comigo’ de Chelo Loureiro.

As seccións clásicas —Filmes Atlánticos, Outras Miradas, Cinema Xove e Novos Medios— manteranse, ampliando o abano de públicos e estilos.

Un dos fitos máis singulares será a estrea de ‘Por un puñado de pesos’, a primeira serie web rodada integramente en Marín, un western con humor e espírito promocional ideado para dar visibilidade á vila. O proxecto, dirixido polos cineastas locais Pablo Dopazo e Anna Kulyk, podería abrirse paso agora no circuíto internacional da Web Series World Cup, onde o MAC xa participa oficialmente.

O festival tamén acollerá múltiples actividades formativas e lúdicas dirixidas á xuventude, como obradoiros de efectos especiais, espectáculos de maxia inspirados no cinema, charlas sobre intelixencia artificial aplicada ao audiovisual ou encontros con creadoras de contido dixital como Bea Sotelo. Estas accións permiten conectar o audiovisual coa formación, a creatividade e o uso de novas tecnoloxías —un enfoque moi en liña con iniciativas educativas como o módulo de Animación Visual en Vivo nos ciclos formativos galegos—.

Outro dos momentos máis emotivos da edición será a homenaxe á actriz Mabel Rivera, figura clave do audiovisual galego, quen recibirá o Premio de Honra do MAC Marín 2025. A gala celebrarase o sábado 23 no Museo Manuel Torres e incluirá a proxección do documental Altri Non, no que Rivera participa como narradora e produtora executiva.

Con todas estas propostas, o MAC Marín reafírmase como un espazo de encontro e vangarda, onde o cine serve non só como entretemento, senón tamén como motor cultural, educativo e social. Un festival que, como destacou Elena Gallego, “demostra que o cinema non é só Hollywood: tamén pode e debe facerse dende aquí”.

A programación da 4ª edición do MAC Marín é a seguinte:

MÉRCORES, 20 DE AGOSTO

Museo Manuel Torres

  • 10:30 h. Inauguración da Mostra: Marín de Cine – Club Audiovisual e exhibición fotográfica do Curro de Gagán con Lucía Otero
  • 11:00 h. Web Series World Cup, con Jöel Bassaget
  • 12:00 h. Webseries galegas, con convidad@s especiais
  • 12:30 h. Novos Medios: proxeccións

Parque Azul de Cantodarea

  • 17:00 h. Proxeccións Selección Oficial – Filmes Atlánticos
  • 18:00 h. Proxección do documental de Rogelio Santos Queiruga: ‘Especies do noso ecosistema mariño’
  • 21:00 h. Ciclo Mestre Mateo: Proxección de ‘Salvaxe, Salvaxe’ (longametraxe documental). Dirección: Emilio Fonseca

XOVES, 21 DE AGOSTO

Casa de Cultura de Santomé

  • 10:30 h. Charla de Nuska Chousa: Consellos para o coidado da horta
  • 12:00 h. Proxección e coloquio: ‘Altri Non – A Batalla Definitiva’. Con Mavel Ribera, produtora executiva do documental

Casa de Cultura de Seixo

  • 17:00 h. Marín de Cine: Reflexión sobre como potenciar o local a través do cine
  • 18:00 h. Máster Class: Creación audiovisual

Hotel Villa de Marín

  • 21:00 h. Ciclo Mestre Mateo: Proxección das curtametraxes: ‘Platónico, Platónica’, ‘Véxote’, ‘Pura’ e ‘Nai’

VENRES, 22 DE AGOSTO

Museo Manuel Torres

  • 10:30 h. MAC Marín: Presentación do primeiro certame adicado ao mercado audiovisual en Marín: inicios, contexto e futuro
  • 11:00 h. Máster Class: ‘A intelixencia artificial (IA) no audiovisual’. A Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
  • 12:00 h. Charla con Bea Sotelo: Creadora de contido
  • 12:30 h. Presentación de ‘Harley: o can motero e tiktoker’. Ateneo Santa Cecilia
  • 17:00 h. Máster Class: Creación audiovisual
  • 17:30 h. Cinema Xove: proxeccións de obras audiovisuais feitas por xente nova. Finca de Briz
  • 17:00 h. Obradoiro Infantil Audiovisual: ‘Efectos especiais para nenas e nenos’
  • 21:00 h. Ciclo Mestre Mateo: Proxección da longametraxe de ficción ‘As Neves’. Dirección: Sonia Méndez

SÁBADO, 23 DE AGOSTO

Hotel Villa de Marín

  • 11:30 h. Mago Paco: ‘A Maxia do Cinema’ (espectáculo familiar)
  • 12:00 h. Ciclo Mestre Mateo – Sesión Infantil: Proxección das curtas: ‘Eu Vou Comingo’, ‘Noites de Prata’ e ‘Avetimología’
  • 17:00 h. Filmes Atlánticos: Proxección da selección oficial
  • 18:00 h. Outras Miradas: Proxección da selección oficial

Museo Manuel Torres

  • 20:00 h. Gala de entrega de premios da IV edición de MAC Marín (con convite — é preciso escribir á produción para asistir). A Bailona (Paseo Alcalde Blanco)
  • 23.00h. Fin de festa coa actuación da banda Groovin Folks
Está pasando!