‘Pegadas de Castelao’ | Migallas Teatro

Migallas Teatro leva o espectáculo ‘Pegadas de Castelao’ á Casa Verde de Salcedo

27 Xuño 2025

Este sábado 28 de xuño, ás 20.00 horas na Casa Verde de Salcedo, a compañía Migallas Teatro representará o espectáculo ‘Pegadas de Castelao’ dentro das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra no programa do ‘Ano Castelao’.

‘Pegadas de Castelao’ é un espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural, etc. dunha forma amena e divertida.

Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: monicreques de silueta, de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos de Castelao, teatro de actor, pantomima, cantar de cego etc., todo acompañado por música en directo e cantigas populares vinculadas á súa vida e obra.

Tal como o seu nome indica, ‘Pegadas de Castelao’ tenta amosar as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia así como avivar o interese por afondar no coñecemento da súa vida, da súa obra e do seu pensamento.

A función conta coa colaboración da Asociación Casa Verde de Salcedo e a entrada é de balde ata completar a cabida.

Está pasando!