Presentación da XXXII Festa da Ostra de Noalla | Concello de Sanxenxo

Noalla prevé repartir esta fin de semana 25.000 unidades na XXXII Festa da Ostra

5 Agosto 2025

A cita gastronómica terá lugar baixo unha carpa nas inmediacións do campo de fútbol


Noalla rende homenaxe, desde este venres e ata o domingo, ao seu produto estrela, a ostra. A Comisión de Festas Virxe do Carme de Noalla, organizadora da cita, xa ten todo listo para que no seu trixésimo segunda edición volva ser un éxito

Un ano máis, o colectivo volve confiar a Mariscos Daporta a subministración do bivalvo, 25.000 unidades que prevén ser repartidas entre os comensais que se acheguen á carpa que se situará nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla.

“O produto está excepcional e este ano para non quedarnos curtos encargamos 3.000 quilos máis que ou ano pasado”, explica o presidente da comisión de festas, Roberto Garrido.

Presentación da XXXII Festa da Ostra de Noalla | Concello de Sanxenxo

A concelleira de Educación, Nati Parada, xunto aos edís de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, e de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, acudiron á presentación da festa na Casa Forestal As Canteiras cunha ampla mostra do produto que se servirá na festa.

“Convidamos a veciños e visitantes a desfrutar esta fin de semana dunha cita consolidada como a Festa da Ostra. É un orgullo contar cun produto de gran calidade que xa é un símbolo para a parroquia”, dixo Parada.

Tamén haberá outros produtos como mexillóns, sardiñas, polbo, churrasco, empanada… a prezos populares. A ducia de ostras estará a 12 euros. O viño albariño estará servido por Adegas Aquitania. As xornadas estarán amenizadas con charangas e gaiteiros.

A programación da XXXII Festa da Ostra é a seguinte:

Venres 8 de agosto

  • Ao mediodía, grupo de gaitas Os do Barro
  • Pola tarde, Fanfarria Furruxa

Sábado 9 de agosto

  • Ao mediodía, Os Cruceiros de Vilalonga
  • Pola tarde, Furruxa Gaiteiros

Domingo 10 de agosto

  • Ao mediodía, Charanga Mil-9
  • Pola tarde/noite, Os do Barro
Está pasando!