Presentación do V Alén Metasl Fest | Concello de Vilagarcía de Arousa

O Alén Metal Fest celebra a súa quinta edición coa presenza de grupos internacionais e nacionais de renome

30 Xuño 2025

  • A cita musical, con entrada gratuíta, celebrarase o día 5 de xullo no parque da Xunqueira.
  • Artillery e Freedom Call, referentes do xénero con milleiros de seguidores pecharán o festival con actuacións ás 22:55h e 00:30 horas, respectivamente.

Representantes da Asociación “Aínda non vai desta”, así como a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o alcalde, Alberto Varela, presentaron o cartel do Alén Metal Fest.

O festival forma parte da marca paraugas “VGA 365”, que engloba todos os eventos culturais que se celebran no concello: “Estamos moi satisfeitos de formar parte deste selo, que reúne a ampla programación coa que conta Vilagarcía”, apuntou Xurxo Santos, membro da organización.

Esta idea foi subliñada pola edil de Cultura, que apuntou a que o concello está en pleno “apoxeo de actividades musicais”, pasando do Clasclás á celebración do Alén Fest, o que demostra “a versatilidade do noso Concello”. Tamén o alcalde sinalou que “Vilagarcía é unha localidade dinámica, cun amplo cartel de eventos, á altura doutras cidades europeas”.

Apertura de portas ás 18:00

O Alén Fest abrirá as súas portas ás 18:00 horas, e a primeira actuación, a do grupo ferrolano Hour Glass, comezará ás 18:40 horas. Unha hora máis tarde será a quenda de Aquelarre, que conta con representación de músicos locais. Ás 20:40 horas actúa Revolution Within; e máis tarde Dark Oath. Por último, pecharán o festival os grupos Artillery e Freedom Call.

Os organizadores cifran a asistencia nunhas 1.500 persoas, ao igual que en anos anteriores. O rexedor sinalou que o festival “está lonxe aínda de tocar teito” e que “goza de boa saúde”, o que permitirá que siga formando parte do cartel de eventos do Concello durante moito máis tempo.

Está pasando!