O ciclo Música Sen Palabras comeza este martes en Santa Clara coa proxección de ‘Nanuk, o Esquimó’

18 Abril 2022

  • O público poderá ver a película ao tempo que esta é acompañada por música en directo a cargo de Caspervek, o proxecto liderado polo pianista vigués Brais González
  • O mércores o espectáculo contará coa proxección de ‘O Maquinista da General’ e o xoves 21 de abril con ‘Amencer’; as tres proxeccións comezarán ás 20 horas

Se Híbridas en Santa Clara naceu coa idea da mistura entre artes ao mesmo tempo que promove unha visión ecléctica e diversa das diferentes expresións culturais, a serie Música Sen Palabras pode ser un dos seis ciclos máis chamativos e singulares que habitan dentro do programa municipal.

Trátase dun ciclo de cine mudo con música en directo que corre a cargo de Caspervek, proxecto liderado por Brais González, que se converteu nunha das referencias europea dos cine-concertos, con máis de 200 actuacións en 14 países do continente. O catálogo de bandas sonoras de Caspervek inclúe máis de 30 longametraxes e varias ducias de curtas. As bandas sonoras de Caspervek combinan elementos da música clásica, do jazz, da electrónica, do folk ou da música contemporánea. Todo cun obxectivo: achegar o cine mudo a todos os públicos.

Igual que o resto de espectáculos de Híbridas en Santa Clara, todas as actuacións incluídas dentro de Música Sen Palabras non requirirán de reserva de praza previa nin do pago de entrada algunha; a entrada será libre até completar o foro —preto de 150 cadeiras—.

Así, a antiga igrexa de Santa Clara acollerá as seguintes proxeccións coas súas respectivas actuacións musicais ao vivo:

  • Nanuk, O Esquimó – martes, 19 de abril, 20 horas
  • O Maquinista da General – mércores, 20 de abril, 20 horas
  • Amencer – xoves, 21 de abril, 20 horas

«O primeiro que atopará a xente serán tres pezas mestras, tres longametraxes representativas do cine mudo dos anos 20, atendendo a distintos xéneros, como pode ser o documental, a comedia ou, no caso de Amencer, a considerada unha das maiores películas do cinema mudo e da historia do propio medio. No plano musical? Vivirá un proxecto que actualiza os códigos deste tipo de cinema ao darlles unha patina máis actual e moderna co obxectivo de achegar o cinema mudo e a súa linguaxe até o público máis amplo posíbel», explica Brais González, creador de Caspervek.

O pianista vigués lembra que este tipo de cinema-concerto causa unha enorme curiosidade entre o público asistente, moitas veces é a primeira actuación deste tipo que viven, e que aconsella «mirar primeiro para a película e logo para os músicos». «Hai dous planos a nivel escénico, pero a protagonista é a película, a música é a que busca acompañala e crear unha simbiose entre ambos os dous planos. É curioso, porque o público, por exemplo, no caso das comedidas tamén pode formar parte dese espectáculo a través das risas e as gargalladas, o que crea un feedback moi interesante. Desde logo, non é o mesmo que velo na casa».

Está pasando!