‘Sorda’ | A Contracorriente Films

O Cineclub Bueu está de volta cun trimestre cheo de proxeccións que comezarán este venres con ‘Sorda’

29 Xaneiro 2026

As proxeccións do Cineclub Bueu comezarán este venres, 30 de xaneiro, con ‘Sorda’ (Eva Libertad, España, 2025, VO Castelán), que coma sempre terá lugar ás 21:00 horas no Centro Social do Mar.

Protagonizada por Miriam Garlo, ‘Sorda’ ofrece unha mirada íntima e realista sobre a maternidade desde a perspectiva dunha muller xorda.

Unha proposta cinematográfica valente e necesaria, especialmente nun contexto onde a representación da discapacidade auditiva segue sendo escasa e, con frecuencia, estereotipada.

O venres 6 de febreiro proxectarase o filme ‘Slow’ (Marija Kavtaradze, Lituania, 2025, VOSE).

Nesta historia lituana, Elena imparte clases de baile, mentres que Dovydas traballa como intérprete de linguaxe de signos. No momento en que se coñecen, establécese un fermoso vínculo entre eles.

Con todo, a súa relación será posta a proba cando Dovydas confesa a Elena que ten sentimentos románticos por ela, pero que é asexual, é dicir, non sente e nunca sentiu desexo sexual por outra persoa.

Coa proxección do documental ‘Hamada’ (Eloy Domínguez Serén, Suecia, 2018, VOSE), o Cineclub Bueu quere conmemorar os 50 anos da República Saharauí. Será o venres 27 de febreiro.

Con vitalidade e humor, ‘Hamada’ traza un retrato insólito dun grupo de mozos amigos que viven nun campamento de refuxiados no medio do pedregoso deserto do Sahara.

O programa continuará o 13 de marzo coa proxección especial polo 8M da película ‘Sempre nos quedará mañá’ (Paola Cortellesi, Italia, 2023, VOSE), con entrada de balde.

A historia ambiéntase en Roma, ano 1946. Delia ten tres fillos e o seu marido é o arisco Ivano, que a despreza trátaa mal.

Ao acabar a guerra mundial, os dous tratan de sacar á súa familia adiante con varios traballos cos que non gañan moito diñeiro. Pero un día, unha marabillosa noticia cámbialles a vida: Marcella, a filla maior, acaba de comprometerse con Giulio, un mozo moi simpático de boa familia.

A programación do primeiro trimestre do ano péchase o 27 de marzo con ‘Unha nai de Toquio’ (Yôji Yamada, Xapón, 2023, VOSE).

O protagonista principal é Akio Kanzaki, leva 27 anos nunha empresa como xefe de recursos humanos. Está en crise absoluta. Aínda por riba, está a piques de divorciarse da súa muller e a relación coa súa filla universitaria non é precisamente fluída.

Un día, para relaxarse, decide visitar á súa nai no barrio antigo do centro de Tokio. Pero enseguida nota que algo cambiou e todo lle parece un pouco raro.

O prezo da entrada é de 2 euros para socixs anuais e 4 euros para socios por sesión.

Co novo ano comeza a periodo de renovación dxs socixs que poderá facerse xunto á compra da entrada.

Está pasando!