O Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro ao director William Wyler

31 Outubro 2024

O Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro a un dos máis grandes e populares directores de cinema clásico de Hollywood: William Wyler (1902 -1981). Wyler, que soubo coma ninguén ensamblar o comercial e o artístico, foi un referente na experimentación coa profundidade de campo e tamén na adaptación de textos literarios ao cinema.

Proxectaranse tres obras icónicas do director, nas que dirixiu con mestría estrelas do talle de Bette Davis (A Loba), Olivia de Havilland (A herdeira) ou Audrey Hepburn e Shirley MacLaine (A calumnia), e nas que adapta obras da dramaturga Lillian Hellman (A loba, A calumnia) e de Henry James (A herdeira).

Pola súa banda, as sesións de filmoteca dos luns terán tamén unha forte compoñente literaria. Trátase de cadansúa aproximación de carácter documental a dúas importantes figuras literarias: Annie Ernaux, a gañadora do Nobel de Literatura en 2022 e unha das máis recoñecidas escritoras contemporáneas, que asina xunta o seu fillo David Os anos Super 8; e o estadounidense Wallace Stevens (1879-1955), figura fundamental da poesía en lingua inglesa do século XX, arredor da que orbita a hipnótica A Foreign Song, asinada polo cineasta galego César Souto.


MARTES 5 NOVEMBRO

‘A LOBA’ (The Little Foxes, Wylliam Wyler, 1941, EE UU, 116 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés).

Finais do século XIX, sur dos EE UU. Os irmáns Hubbard, Oscar (Carl Benton Reid), Ben (Charles Dingle) e Regina (Bette Davis), planean enriquecerse cunha fábrica de algodón que explote man de obra barata. Cando o marido de Regina, Horace Giddens (Herbert Marshall), un home honrado e doente, se nega a participar no seu financiamento, comezan as maquinacións familiares para conseguir o seu obxectivo. No medio da asfixiante atmosfera creada pola ambición desmedida dos tres irmáns, Herbert só atopará consolo no amor da súa filla.

Wyler levou á pantalla con mestría a obra teatral homónima da dramaturga estadounidense Lillian Hellman, que fora un dos grandes éxitos comerciais de Broadway en 1939. Contou coa propia autora para a adaptación do guión e coa suprema interpretación de Bette Davis no papel protagonista. O filme obtivo nove nominacións aos Oscar, incluíndo mellor filme.


LUNS 11 NOVEMBRO

‘OS ANOS DE SUPER 8’ (Les années Super 8, Annie Ernaux e David Ernaux-Briot, 2022, Francia, 61 min., VOSE, Lingua orixinal: francés).

A gañadora do Premio Nobel de Literatura 2022, Annie Ernaux, comparte, describe e narra en off unha serie de gravacións familiares filmadas en Super 8 entre 1972 e 1981. Imaxes silentes que combinan intimidade familiar e diario de viaxes nun tempo convulso: o de Francia tralo seu Maio, Chile tralo Golpe e a Unión Soviética antes da súa disolución. Unha memoria familiar que é tamén historia e que constitúe unha coherente prolongación da obra literaria da escritora francesa.

O filme foi estreado na Quincena de Cineastas de Cannes 2022.


MARTES 12 NOVEMBRO

‘A HERDEIRA’ (The Heiress, William Wyler, 1949, EE UU, 115 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés).

Ano 1849, Nova York. Catherine Sloper (Olivia de Havilland), unha adiñeirada herdeira, tímida e inocente, namora perdidamente de Morris Townsend (Montgomery Clift), un atractivo mozo que lle pide matrimonio. Non obstante, o pai de Catherin, o cruel e despótico doutor Sloper (Ralph Richardson) oponse ao seu casamento e ameaza con desherdala.

Magnífica adaptación da novela Washington Square, de Henry James, que foi merecedora de catro premios Oscar: mellor actriz, dirección artística, vestiario e banda sonora orixinal.


LUNS 25 NOVEMBRO

‘A FOREIGN SONG’ (A Foreign Song, César Souto, 2022, Galicia, 82 min., VOSG, Lingua orixinal: inglés).

Wallace Stevens (1879-1955) traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Na súa vida non hai peripecias reseñables nin grandes dramas. Ninguén diría que é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro. Alguén ao lonxe observa as casas idénticas nos suburbios solitarios de Estados Unidos. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.

‘A Foreign Song’ competiu na sección Esbilla do FICXixón, onde obtivo o galardón ao mellor filme español e ao mellor director español.


MARTES 26 NOVEMBRO

‘A CALUMNIA’ (The Children’s Hour, William Wyler, 1961, EE UU, 107 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés).

Karen (Audrey Hepburn) e Martha (Shirley MacLaine) son dúas boas amigas que dirixen xuntas unha exclusiva escola para rapazas. Unha das súas alumnas, unha nena mimada e consentida pola súa avoa millonaria, escoita por casualidade un comentario sobre as súas mestras e, depechada por un castigo que recibiu, utilízao, distorsionándoo, para atacalas. Os escandalosos rumores esténdense axiña pola comunidade escolar, con repercusións inmediatas e devastadoras.

Adaptación da obra teatral homónima de Lillian Hellman, que xa fora levada á pantalla por Wyler en 1936 cunha trama deturpada por mor do código Hays. Vinte e cinco anos despois, cun elenco de luxo, Wyler faille xustiza á obra teatral e crea un filme que pasará á historia do cinema lésbico norteamericano.



As sesións comezan ás 20:30 horas, mais as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20:00 horas.

As cotas para asociarse ao Cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!