O Cineclube Pontevedra dedicaralle o mes de abril á libanesa Jocelyne Saab e ao finlandés Aki Kaurismäki

2 Abril 2024

Aki Kaurismäki será o protagonista das sesións dos luns, programadas polo Cineclube Pontevedra en colaboración coa Filmoteca de Galicia, nas que se proxectarán dúas comedias dos anos noventa rodadas respectivamente en Londres e París: ‘Contratei un asasino a soldo’ e ‘A vida de bohemia’.


LUNS 8 | 20:30

‘CONTRATEI UN ASASINO A SOLDO’ (Aki Kaurismäki, 1990, Finlandia, 79 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés).

A compañía para a que traballa Henri despídeo despois de 15 anos ao seu servizo. Incapaz de soportar a noticia, intenta suicidarse sen éxito. Para conseguir o seu obxectivo contrata un asasino a soldo. Pouco despois, sente que a súa vida volve ter sentido e decide romper o contrato co asasino, pero élle imposible localizalo.


LUNS 22 | 20:30

‘A VIDA DE BOHEMIA’ (Aki Kaurismäki, 1992, Finlandia, 100, VOSE, Lingua orixinal: francés).

Marcel é un escritor e dramaturgo que, debido ao escaso éxito das súas novelas e as súas revistas sen publicar, sobrevive recollendo botellas baleiras polas rúas da cidade. Rodolfo é un albanés sen papeis amante da pintura que vive escondéndose das autoridades. Schaunard é un compositor irlandés posmodernista que non consegue agradar os oídos parisiense coa súa música. Os tres fanse amigos en París e xuntos atoparán o sentido do amor, da amizade e da existencia.


Os tres martes do mes, pola súa banda, estarán dedicados á libanesa Jocelyne Saab (Beirut, 1948-2019), quen traballou a comezos dos 70 como xornalista e reporteira de guerra, e axiña iniciou unha espléndida carreira como directora, principalmente no ámbito do documental, aínda que tamén realizou algunhas ficcións.

Sempre comprometida coa causa palestina e os procesos de autodeterminación dos pobos, Saab é responsable dunha valiosísima cartografía cinematográfica que atendeu ás guerras de liberación do Medio Oriente e Norte de África durante os 70 e 80, ao pé da trincheira e cun marcado posicionamento político polo que foi obxecto da censura e de diversas ameazas.

Grazas á colaboración da Asociación Jocelyne Saab, que vén de restaurar a súa obra, proxectaranse algunhas das súas pezas centradas na guerra civil do Líbano e na resistencia palestina ao sur do país, na Cidade dos Mortos de Exipto e no pobo saharauí.


MARTES 16 | 20:30

  • ‘AS MULLERES PALESTINAS’ (Jocelyne Saab, 1974, Francia, 16 min., VOSE)
  • ‘LÍBANO SUR: HISTORIA DUNHA VILA ASEDIADA’ (Jocelyne Saab, 1976, Francia, 12 min., VOSE)
  • ‘OS NENOS DA GUERRA’ (Jocelyne Saab, 1976, Francia, 10 min., VOSE)
  • ‘EXIPTO: CIDADE DOS MORTOS’ Jocelyne Saab, 1977, Líbano, 35 min., VOSE, Lingua: francés, árabe e inglés)

As primeiras tres pezas desta sesión céntranse na resistencia palestina no sur do Líbano. Nelas, a directora retrata e dálles voz aos habitantes das aldeas fronteirizas de Hanine e Kfarchouba logo de seren atacadas por sirios e israelís en 1976, ás combatentes palestinas e ás crianzas dun barrio beirutí días despois da masacre de Karantina en 1976.

Na cuarta peza, de 1977, Saab retrata a Cidade dos Mortos, un camposanto habitado por vivos nos arrabaldes do Cairo, para a partir dela mostrar a masificación e a miseria dos populosos barrios cairenses, ameazados día a día pola pasividade das autoridades.


MARTES 23 | 20:30

  • ‘BEIRUT, NUNCA MÁIS’ (Jocelyne Saab, 1976, Líbano, 35 min., VOSE)
  • ‘CARTA DESDE BEIRUT’ (Jocelyne Saab, 1978, Líbano, 52 min., VOSE)
  • ‘BEIRUT, A MIÑA CIDADE’ (Jocelyne Saab, 1982, Líbano, 37 min., VOSE, Lingua: francés e árabe)

Nestas tres pezas gravadas entre 1976 e 1983, Jocelyn Saab achéganos á cotiandade bélica da súa cidade natal, Beirut. Asisitimos a través delas a un escenario marcado pola destrución e a reconstrución constantes ao longo dos anos de guerra, no que a directora libanesa non dubida en poñer corpo e cámara entre bombas e fusís para dar testemuño, cunha mirada íntima e poética, pero tamén política, da violencia israelí, a traición da armada siria, os xogos sucios entre comunidades e a a vontade dun pobo por recuperar a súa vida.


MARTES 30 | 20:30

‘O SÁHARA NON ESTÁ Á VENDA’ (Jocelyne Saab, 1977, Francia-Marrocos-Alxeria, 75 min., VOSE, Lingua: francés, árabe e español).

Desde o corazón do deserto, Jocelyn Saab rexistra os enfrontamentos entre Arxelia e Marrocos no territorio de El-Aaioun, así como a resistencia saharauí da Fronte Polisaria. Entre o documental antropolóxico e a reportaxe política, O Sáhara non está á venda mostra de maneira incisiva, detallada e indómita un conflito que chega até os nosos días, lembrándolle ao mundo que o pobo saharauí existe e dándolles voz a todos os axentes implicados: as autoridades marroquís, as mulleres arxelinas, a pantasma da presencia colonial española e a Fronte Polisaria.



O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen está dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!